A CIG considera ilegal o acordo asinado en CTAG para o persoal que presta servizo en proxectos de PSA

A central denuncia que a suspensión da actividade faise con cargo ás vacacións dos traballadores/as

Vigo -

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), vén de asinar, xunto con CCOO e Independentes de CTAG, un acordo para xestionar a suspensión da actividade do persoal que presta servizos para proxectos de PSA con cargo ás vacacións dos traballadores/as. A CIG rexeitou a medida ao considerala ilegal e presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo.

Dende a central sindical explican que tras a declaración do estado de alarma por emerxencia sanitaria a compañía xestionou a situación do persoal de acordo co comité de empresa mediante teletraballo (opción recomendada polo Goberno central como prioritaria); non obstante, o pasado día 12 “traspasou os límites legais co acordo asinado pola dirección coas forzas sindicais antes mencionadas, acordo ao que nós nos opuxemos”. 

As vacacións son un dereito fundamental das persoas traballadoras

Este acordo obriga ao persoal que presta o servizo en proxectos de PSA a compensar coas súas vacacións de 2020 a falta de actividade no centro de PSA, “cando que as vacacións son un dereito persoal fundamental do traballador/a”.

Diante disto, a CIG rexeitou asinar o acordo pola “clara ilegalidade” das medidas recollidas no documento, ao tempo que lembra que durante a negociación os delegados/as achegaron distintas alternativas, “pero dende o primeiro momento o acordo baseouse no uso obrigatorio e ilegal dos días de vacacións”.

Tras a sinatura do acordo a CIG presentou a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo, “pero por se non fose suficiente a empresa e os sindicatos CCOO e IdeC volven vulnerar a legalidade e asinan unha prórroga do acordo por 15 días máis”.

Abusos e ilegalidades

Desta forma, os traballadores/as perden máis días de vacacións e acumulan unha débeda de horas coa empresa, que pode ser superior ás 200 nalgúns casos, hipotecando o futuro do persoal afectado, e máis aínda no caso dos contratos eventuais, que non terán tempo material para a devolución destas horas antes da conclusión do contrato.

Os delegados/as da central sindical rexeitan que se asine unha prórroga deste acordo mentres non se volva á legalidade e se tomen medidas que protexan os traballadores/as prexudicados/as.

Dende o comezo da crise provocada pola Covid-19 a CIG está a advertir que as empresas cometen todo tipo de abusos e ilegalidades na xestión laboral, conculcando os dereitos dos seus cadros de persoal. “O que máis sorprende é que haxa outras organizacións sindicais dispostas a colaborar con estes abusos e ilegalidades cometidas polas empresas”, rematan.

Volver