A CIG denuncia o acoso que sofre o delegado da central nunha contrata de Alcoa polo seu labor sindical

O compañeiro Kike tamén é o voceiro da cordinadora das auxiliares
Cervo - 12 Xan 2021

A CIG denuncia o ataque á liberdade sindical que está sufrindo dende hai tres meses o compañeiro Kike Rocha, delegado da central na empresa COTELSA e voceiro da plataforma coordinadora das industrias auxiliares de Alcoa San Cibrao.

A CIG-Industria de Lugo-A Mariña explica este delegado participou como asesor da CIG en todas as negociacións realizadas con Alcoa con motivo da presentación do ERE. A partir dese momento está sufrindo un ataque e unha persecución sindical, sendo retirado do posto de traballo que viña ocupando nos últimos sete anos, recolocado en traballos de menor cualificación e mandándoselle realizar certos traballos para os que non ten formación.

"Non é casual que despois de tantos anos como profesional e de anos de actividade sindical como delegado de persoal, sexa xusto agora cando é 'necesario' cambialo de posto". A Federación de Industria endente o acoso a este compañeiro é unha resposta ao labor que fai de representación sindical dunhas empresas auxiliares coordinadas e organizadas para loitar polos dereitos dos traballadores e traballadoras deste colectivo (que obviamente afecta a Alcoa e as patronais das empresas auxiliares) e esixe o cese inmediato no acoso e na vulneración dos dereitos sindicais.

"Este ataque non é máis que a intención de desmoralizar, desmobilizar e que a ninguén se lle pase pola cabeza levantarse fronte aos intereses do boss que dirixe a fábrica. E quen mellor que o portavoz da parte máis débil do entramado para meter medo? Dende a CIG descoñecemos se hai ou houbo unha orde de Alcoa para este ataque e COTELSA é só executora, ou se pola contra foi a dirección de COTELSA quen decidiu realizar dito ataque. Sexa quen for nada cambia e os ataques a nosa liberdade sindical debemos combatelos".

Estes feitos están postos en coñecemento dos servizos xurídicos e xa hai fixada data de xuízo para o próximo 18 de xaneiro. "Como non pode ser doutro xeito, agardamos o apoio de todos/as os traballadores/as de Alcoa e das auxiliares e a colaboración nos actos de protesta que se poidan realizar".