A CIG denuncia o “caos” na atención á tripulación que segue confinada no barco Manuel Laura

A central sindical exixe que non se lles obrigue a pasar a corentena no barco

Vigo -

A CIG denuncia o “caos” e o atraso con que foi atendida a tripulación do barco de bandeira británica Manuel Laura á súa chegada ao porto de Vigo “por un problema de competencias”. Considera inadmisible que os manteñan confinados no barco, obrigando a compartir un espazo tan pequeno a persoas positivas en covid con outras que deron negativo, e demanda que os que non deron positivo e teñan que pasar corentena poidan facelo nas súas casas.

Segundo explica o representante do sector de Mar da FGAMT-CIG, Xavier Aboi, á chegada do barco ao peirao de Vigo, ás 15:45 horas, unicamente estaban para recibilo a policía portuaria e a garda civil. “Non había ninguén nin de sanidade exterior nin do SERGAS, malia a propia sanidade exterior ser quen comunicou á  garda civil que chegaba o barco”.

Total descoordinación

Aboi asegura que até dúas horas despois, ás 18:15, non chegou a primeira ambulancia. “E foi porque a garda civil chamou a un médico do SERGAS e o armador estivo todo o tempo chamando, mentres as familias estaban alí agardando”. Por iso denuncia unha “total descoordinación, porque non tiñan claro quen debía actuar ao ser o barco de bandeira inglesa”.

O representante da CIG non entende como é posible que se adiara proporcionarlles a atención médica necesaria “por un problema de competencias” porque, “sexan galegos, sexan coreanos, sexan de onde sexan, ti o que tes que facer é atender á xente e os graves levalos para o hospital. Despois xa aclararás de quen é a competencia, porque sexa de sanidade exterior ou sexa do SERGAS van ir para o mesmo hospital”.

De feito, até as 19:00 horas non chegou a segunda ambulancia, cun médico que lle fixo a toda a tripulación un test de antíxenos porque, segundo Aboi, “o SERGAS prohibiu aos técnicos de ambulancias evacuar ao que estaba máis grave ao hospital até que chegara o médico”.

Como resultado do test de antíxenos realizado, a día de hoxe hai 9 positivos confirmados, dos cales 3 foron hospitalizados, e 3 que deron negativo. O resto están a bordo esperando “até que os técnicos saiban cal é a cepa”.

Corentena no barco

Para o representante do sector do Mar da CIG é “unha auténtica atrocidade” que non se saiba a esta altura se os 6 positivos e os 3 negativos en COVID-19 os van mandar para casa ou se teñen que ficar na embarcación”. Por iso exixe que non teñan que pasar a corentena no barco.

Neste sentido sinala que “na Casa do Mar hai habitacións, hai hoteis, hai centros hospitalarios e está a casa para os casos máis leves”. Afirma que é unha “barbaridade, do punto de vista sanitario, que os obriguen a permanecer no reducido espazo do barco” e considera que non poden alegar protocolos “que non teñen sentido”.  “Irlanda bótaos como apestados e aquí non os atenden por un tema de competencias”, conclúe, “o camarote dos Irmáns Marx”.

A CIG xa se puxo en contacto co BNG para que tanto o goberno da Xunta de Galiza como o goberno do Estado dean explicacións sobre o acontecido neste caso no Parlamento de Galiza e no Congreso.

Volver