A CIG denuncia o colapso asistencial do PAC de Cangas pola falta de substitucións e a insuficiencia de persoal

Alerta de que as decisións organizativas do Sergas están a incrementar a presión sobre as urxencias en pleno verán, co conseguinte risco para a poboación
O Morrazo - 10 Xul 2026

A CIG denuncia a crecente saturación do Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas, unha situación que atribúe á falta de planificación da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e á ausencia de reforzos nun período no que a demanda asistencial aumenta de forma considerable pola chegada do verán.

Segundo explica a organización sindical, a principal causa desta sobrecarga é a decisión do Sergas de non substituír o persoal médico das consultas ordinarias dos centros de saúde de Cangas e Moaña durante as vacacións e outros permisos. Esta medida provoca que parte da actividade habitual de Atención Primaria deixe de prestarse, chegando incluso a producirse, na práctica, o peche do centro de saúde de Cangas nalgunhas quendas de tarde.

Como consecuencia, numerosas persoas que deberan ser atendidas nas consultas ordinarias acaban sendo derivadas ao PAC, un servizo deseñado para responder ás urxencias sanitarias e non para asumir a actividade habitual dos centros de saúde.

A CIG lembra que durante os meses de verán a poboación do Morrazo increméntase de maneira significativa, o que se traduce nun maior número de consultas e urxencias. Porén, asegura que o Sergas non reforzou o cadro de persoal en horario de PAC para facer fronte a este incremento asistencial.

O sindicato considera que esta falta de planificación está a provocar unha carga de traballo cada vez maior para as e os profesionais, ao tempo que aumenta os tempos de espera das persoas usuarias e dificulta a prestación dunha atención sanitaria nas condicións máis axeitadas.

Urxencias de Moaña atendidas en Cangas

Outro dos aspectos denunciados pola CIG fai referencia ao funcionamento do novo centro de saúde de Sisalde, en Moaña. A pesar da contratación dun facultativo para atender as urxencias de tarde neste centro, o sindicato afirma que o Centro de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está a ordenar que todas as persoas atendidas inicialmente por unha ambulancia en Moaña sexan trasladadas ao PAC de Cangas para seren valoradas, en lugar de seren asistidas no propio centro de Sisalde. Segundo a central sindical, esta decisión resta capacidade asistencial ao novo dispositivo e incrementa innecesariamente a presión sobre o PAC de Cangas.

A situación complícase, ademais, porque a Xerencia prohibe ao persoal médico contratado para atender as urxencias en Sisalde abandonar o centro sanitario. Isto implica que, cando é necesario asistir unha emerxencia fóra das instalacións ou acompañar un paciente durante un traslado hospitalario en ambulancia, debe agardarse a que se desprace unha médica desde o PAC de Cangas, recorréndose en numerosas ocasións ao taxi para realizar este desprazamento.

A CIG tamén sinala que o PAC de Cangas funciona algúns días unicamente con dúas das tres médicas ou médicos previstos na súa dotación habitual, circunstancia que agrava aínda máis a sobrecarga asistencial.

Ambulancia a Vigo para tarefas de mantemento

Finalmente, chama a atención sobre a situación da nova ambulancia asistencial con persoal de Enfermaría con base en Moaña: falta de instalacións axeitadas no centro de saúde de Sisalde obriga a este recurso a desprazarse até Vigo para realizar tarefas de mantemento, limpeza e reposición de material sanitario.

Esta circunstancia provoca que, mentres a ambulancia permanece en Vigo realizando estas tarefas, non estea dispoñible na súa área de referencia, polo que, cando se produce unha emerxencia, debe acudir desde Vigo, incrementando os tempos de resposta e reducindo a capacidade operativa do dispositivo.