A CIG denuncia o colapso do IMELGA e exixe a creación de novos equipos psicosociais

Acumulan atrasos na emisión de informes tanto para o xulgado de familia, como para o do penal
Nacional - 07 Out 2022

A CIG-Administración Autonómica denuncia a situación de colapso na que se atopa o IMELGA. Exixe a creación de novos esquipos psicosociais estables e profesionais que resolvan os atrasos acumulados nas distintas subdireccións e as novas necesidades lexislativas, diante do inxente aumento de probas preconstituídas e asistencia á declaración de menores e vítimas vulnerábeis, que se incrementou coa nova Lei Orgánica de protección integral da infancia e da adolescencia contra a violencia (Lei “Rhodes”).

A CIG-Administración Autonómica lembra que en novembro do 2021 xa denunciara a pretensión do director xeral de Xustiza de realizar convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicoloxía e de traballo social de Galiza para a elaboración dos informes dos ámbitos penal e da familia.

A proposta foi rotundamente rexeitada pola central sindical por se tratar dunha externalización. Fronte a isto apsotou decididamente polo incremento de equipos técnicos psicosociais que deran resposta ao incremento de informes nos procesos que afectan ás persoas máis vulnerábeis, como poden ser: as valoracións de vítimas de violencia machista, separacións, divorcios.. Informes preceptivos para a asistencia técnica aos tribunais, da fiscalía e do xulgado.

Despois destas denuncias, o director xeral, en sede parlamentar, recoñeceu un “atraso puntual” e ofreceu o reforzo de equipos, contratación de interinidades ou horas extras, entre outras. Porén, a día de hoxe, “non houbo nin incremento de equipos nin contratación de persoal e si ofreceu o desenvolvemento de horas extras”, denuncia.

A CIG-Administración Autonómica lembra que na apertura do ano xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, diante do director xeral de Xustiza, reclamou o incremento de equipos técnicos por considerar que o atraso acumulado na emisión de informes así como as novas esixencias lexislativas non son situacións conxunturais, senón que se trata dunha necesidade estrutural que non pode resolverse con convenios de colaboración e si coa creación de novos equipos nas distintas subdireccións do IMELGA. Ao mesmo tempo, os colexios profesionais da abogacía e procuradores de Pontevedra tamén denunciaron estes atrasos e pediron máis equipos.

Atrasos de até dous anos en Santiago e Pontevedra

Segundo a CIG-Autonómica, os equipos psicosociais da subdirección do Imelga de Santiago e de Pontevedra acumulan atrasos que van para os dous anos, tanto na emisión de informes para o xulgado de familia, como para o do penal. Na subdirección do Imelga de Lugo, os atrasos son considerables no que atinxe ao de instrución e instancia; e aceptábeis para o penal. Nas subdireccións de Ferrol, Vigo e Ourense estes atrasos poden considerarse aceptables.

Por iso a CIG-Administración Autonómica exixe unha actuación inmediata e considera que “xa está ben de promesas valeiras de contido, de convenios imposibles e da desprotección das persoas máis necesitadas”.