Despiden a 15 traballadores das empresas de mantemento de Navantia, Tecman-Rayma e INDASA

O persoal acordou ir á folga indefinida nunha asemblea celebrada ás portas do estaleiro
Ferrol - 16 Set 2019

Os traballadores e traballadoras da UTE Tecman-Rayma, encargada dos servizos de mantemento de Navantia, e de INDASA, encargada do mantemento das cabinas, veñen de acordar en asemblea a convocatoria dunha folga indefinida a partir do día 23 de setembro. Indasa comunicou o pasado venres o despedimento a 6 traballadores e a UTE xa efectivizou o despedimento de 9.

Ramón Fernández Afonzo, da CIG-Industria de Ferrol, explica que no caso da UTE Tecman-Rayma, nin sequera se informou aos despedidos que, nuns casos, estaban de vacacións e souberon polo banco que acababan de recibir un ingreso en concepto de indemnización de 20 días por ano traballado, máis unha cantidade por falta de preaviso cos 15 días de antelación pertinentes e, noutros, porque fallaron as súas tarxetas ao pasar polas cabinas de identificación do estaleiro cando saían de traballar.

Indasa, pola súa banda, si comunicou o pasado venres o despedimento a 6 traballadores que non recibiron aínda as cartas que o farían oficial.

Para Fernández Afonzo trátase de despedimentos que, aínda que a empresa xustifica como obxectivos, porque Navantia comunicou unha redución do mantemento, non o son. “A UTE Tecman Rayma recuperou o contrato de mantemento substituíndo a Ferrovial, que contratou no seu momento a máis de 60 traballadores/as a pesar de que había subactividade. Por iso entendemos que agora que se prevé subactividade novamente o conxunto do persoal vai seguir sendo necesario”.

O representante da CIG-Industria entende que, de fondo, estas empresas o que pretenden é, so pretexto da baixada de actividade, desfacerse destes traballadores con despedimentos supostamente obxectivos, porque conseguiron gañar o dereito a subrogación recentemente.

Deste xeito son despedimentos máis baratos, porque “como aínda non teñen moita antigüidade as súas indemnizacións son máis baixas” e ademais aproveitan para desfacerse dun persoal organizado sindicalmente e con gran capacidade de mobilización, o que lles permitiu conseguir importantes melloras laborais e salariais nos últimos tempos.

Concorrendo por separado

O contrato da UTE Tecman-Rayma prorrógase cada ano. O día 30 de setembro tería a seguinte prórroga. Segundo Fernández Afonzo dáse un conflito de intereses porque as empresas controlan a xerencia da UTE, á fronte da que está José Ramón Franco, mais en prexuízo da propia UTE e a favor das empresas Tecman e Rayma. “O persoal con dereito a subrogación está vinculado á UTE e de levar ela os contratos tería un aínda maior volume de traballo, pero non está vinculado ás empresas por separado. Por iso queremos comprobar se se está presentando, ou non, a esas ofertas”.

Diante disto, o representante da CIG reitera que, desde a central sindical, “defenderase que deben manterse todos os postos de traballo”.