A CIG denuncia o despedimento inxustificado dos/as 12 traballadores/as do GES da Fonsagrada

Reclama ao Concello que deixe sen efecto a comunicación de cese, tal e como fixeron o resto dos municipios logo de renovarse o convenio entre as administracións

A Coruña -

A CIG de Lugo-A Mariña considera totalmente inxustificado o despedimento dos 12 traballadores/as que forman o Grupo de Emerxencia Supramunicipal da Fonsagrada, a quen o Concello non lle renovou o contrato, tal e como se fixo no resto dos municipios que contan con este servizo, unha vez actualizado o convenio de colaboración entre as distintas administracións.

Segundo explica o Secretario Comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, recentemente vense de asinar a renovación do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a FGMP, as Deputacións Provinciais e os concellos en materia de emerxencias.

O grupo de emerxencias de A Fonsagrada, que tamén ten no seu ámbito de actuación outros concellos lindeiros, está conformado por 12 traballadores/as, que superaron un proceso selectivo hai máis de 2 anos. No propio convenio GES subscrito no seu momento, recollese que se creará unha estrutura profesionalizada e permanente.

No mes de decembro, todos os concellos que contaban con GES (25 en toda Galiza e 7 na provincia de Lugo) comunicaron aos seus traballadores e traballadoras que finalizaba o contrato o 31 de decembro e logo, unha vez que se renova o convenio, deixan sen efecto a comunicación de cese, informándolles que continúan prestando servizos ininterrompidamente a partir do día 1 de xaneiro de 2016.

“A única excepción é o Concello da Fonsagrada, que mantén os despedimentos e comunica que vai a convocar un novo proceso de selección”, denuncia Niño. Para a CIG e para os traballadores/as está decisión é totalmente “ilóxica, inxustificada e ilegal, pois unha vez que se renova o Convenio, o lóxico é manter ao persoal que viña prestando servizos, que xa ten unha formación e capacidade acreditada e ademais superou un proceso de selección”.

Por iso, dende a CIG ínstase ao alcalde da Fonsagrada a reconsiderar a decisión, “xa que dende o punto de vista da legalidade non ten xustificación o despedimento e atoparíase seguramente con demandas xudiciais”, subliña o Secretario comarcal. Ademais podería darse o paradoxo de que o Concello teña que indemnizar os traballadores/as e que incluso eses mesmos traballadores e traballadoras superen o novo proceso de selección.

Xunto a isto, Antonio Niño engade que “dende o punto de vista político, pódese cualificar como unha decisión verdadeiramente caciquil e represora e contraria ás famosas cláusulas sociais que publicita o seu partido”. O Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña insta ao Concello a reconsiderar esta medida e advirte que, en caso contrario “adoptaremos as medidas legais oportunas e tamén a mobilización que sexa precisa para denunciar publicamente a situación”.

Volver