A CIG denuncia o “inaudito” incremento dos servizos mínimos da Xunta para a Folga do 8M

A pandemia non pode servir de escusa para coartar o dereito á folga das mulleres

Nacional -

» Accede aquí ao especial 8M

A CIG vén de manifestar o seu rexeitamento á proposta de servizos mínimos “abusivos” presentada pola Xunta de Galiza para a Folga de Mulleres convocada para o vindeiro 8 de Marzo na que, ademais, se reforza a presenza de persoal xusto nos sectores máis feminizados. Un texto en “masculino xenérico”, de 250 páxinas, que fixo chegar hai apenas día e medio, o que foi considerado pola secretaria de Organización da central sindical, Susana Méndez, como “unha falta do mínimo respecto e consideración”. Máis cando a convocatoria de folga foi rexistrada hai case un mes, en concreto o 27 de xaneiro.

Méndez cuestionou mesmo o contido do preámbulo no que se usa a pandemia como escusa para elevar os servizos mínimos. Unha xustificación que ao seu entender resulta pouco críbel “cando en situacións similares hai centros nos que se soben os efectivos e outros non”.

Nesta liña, a secretaria das Mulleres Margarida Corral rexeitou que se pretendan decretar uns servizos mínimos “excesivos” que parecen buscar “impedir ás mulleres exercer o seu dereito a folga”, máxime cando de novo se usa a pandemia para aumentar os efectivos sobre todo en traballos de limpeza e coidados, “casualmente desempeñados maioritariamente por mulleres, que son o obxecto desta folga precisamente pola desigualdade que sofren, pola precariedade, baixos salarios e terribles condicións laborais que padecen”.

Por iso Méndez aínda entendendo que estamos nunha situación excepcional, defendeu fronte a isto, o establecemento duns mínimos para cubrir as tarefas e traballos imprescindibles para a continuación daqueles servizos esenciais para a sociedade e rexeitou “todo o que estea por riba dos efectivos dun domingo ou festivo”.

O día de maior número de requirimentos ao 112 coincide co 8 de marzo

A secretaria de Organización da CIG cuestionou tamén algunhas peculiares consideracións que figuran na proposta da administración. Nomeadamente a referida aos servizos mínimos do Centro de Atención a Emerxencias 112, onde se reforza a presenza de efectivos, segundo a Xunta, polo feito de que “o día 8 de marzo de 2021 é luns, sendo este o día intersemanal no que se rexistra un maior número de requirimentos ao 112”.

O curioso disto é que no decreto de servizos mínimos relativos á folga do 8 de marzo de 2019 dicíase literalmente o mesmo especificando desa volta que se facía porque “o 8 de marzo é un venres, sendo este o día intersemanal en que se rexistran un maior número de requirimentos ao 112”. Unha coincidencia respecto da que Méndez inquiriu unha aclaración por se “acaso os días de maior número de requirimentos do 112 coinciden cada ano casualmente co día de semana en que cae o 8 de marzo”.

Así as cousas os mínimos increméntanse mesmo con respecto á folga de 2019 nos centros dependentes da consellaría de Política Social xusto nas categorías de coidadoras, xerontólogas ou auxiliares, maioritariamente mulleres, o que leva a concluír á CIG que “dado que non hai xustificación estipulada no propio decreto para ese aumento, temos que pensar que se fai para limitar o exercicio do dereito de folga das mulleres traballadoras deses centros”. É rechamante ademais que ese sobredimensionamento dáse nuns centros e non noutros o que leva tamén a cuestionar o criterio seguido pola administración.

No centros dependentes da consellaría de Educación decrétanse un número de efectivos que Susana Méndez cualifica de “insólitos” non só entre o profesorado senón tamén do 100% de persoal de cociña, comedores e limpeza “o que equivale a que, na práctica, case o 100% dos efectivos estean de servizos mínimos, vulnerando absolutamente o dereito do persoal docente e non docente á folga”.

O incremento de mínimos, sempre so pretexto da pandemia dáse mesmo en organismos nos que nunca houbera como na Axencia Tributaria, no transporte de residuos, na predición meteorolóxica ou en epidemioloxía, único caso no que a CIG si entende que se poidan establecer servizos mínimos dada a situación actual.

Sen acordo tampouco na CRTVG

Tampouco houbo acordo na negociación dos servizos mínimos da CRTVG, onde tamén se ven incrementados en algo máis do 5% a respecto da folga do ano 2019. Segundo explica a sección sindical da CIG, a empresa rexeitou a proposta de que os servizos mínimos fosen cubertos por homes e non mulleres (demanda da CIG para todos os casos) aducindo a “universalidade” do dereito de folga, “nunha sorte de paternalismo machista ao desprezar o feito de ser un paro só de mulleres por vontade expresa destas para subliñar o baleiro que deixan e o importante lugar que ocupan na sociedade”.

Tampouco aceptou que os espazos informativos sexan presentados por homes, nin admitiu alterar a programación non informativa, mantendo a súa emisión habitual, o que “vai impedir exteriorizar os efectos do paro efectivamente producido mediante a imposición dunha aparencia de normalidade do servizo, contraria ao dereito de folga”.

A sección sindical denuncia, xa que logo, a “nula capacidade de negociación e diálogo e a posición obstrucionista da empresa, contraria ao dereito de folga das mulleres e aos reiterados pronunciamentos xudiciais”.

Volver