A CIG denuncia o novo intento da troika de atacar o sistema público de pensións

Chama a participar na manifestación en defensa das pensións públicas o sábado 26 de xaneiro en Compostela
Nacional - 10 Xan 2019

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), organismo imposto pola troika para controlar a estabilidade orzamentaria do Estado español tras do rescate bancario, vén de emitir un documento de “Opinión sobre a sustentabilidade do Sistema de Seguridade Social” que supón “un novo ataque ao sistema público de pensións, poñendo en dúbida a súa viabilidade e propoñendo como solución medidas gravosas que van na vía de dificultar o acceso a unha pensión, e reducir as contías resultantes ao aumentar o período de cómputo”.

Así o denuncia a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, quen considera que esta é unha razón máis para mobilizarse o vindeiro 26 de xaneiro en Compostela, na manifestación nacional que a CIG ten convocada desde o pasado mes de decembro, en defensa “dunhas pensións públicas dignas e garantidas, que teñan a súa base nun mercado laboral forte, con emprego de calidade e estábel, e con salarios dignos". Méndez afirma que “a sustentabilidade do sistema de pensións non é un problema económico, senón político”.

Falso cuestionamento do futuro das pensións

A secretaria de Organización da CIG denuncia que no documento “inténtase cuestionar o futuro das pensións públicas, para buscar o desvío da capacidade de aforro cara fondos privados de pensións”.

Sinala que isto o fan baseándose nos argumentos que adoitan empregar este tipo de informes e estudos: “a diminución da natalidade, o envellecemento da poboación e o aumento da esperanza de vida”.

Porén, denuncia que “curiosamente todas as medidas que se propoñen, baseándose en catastrofistas análises sobre estas cuestións, intentan solucionar o “problema” pola vía da redución do gasto, mais non hai nin unha soa medida dirixida ao aumento de ingresos”. Todo o máis, “propoñen que o estado asuma determinados gastos que agora mesmo se sufragan coas cotizacións,  algo que non sería máis ca un parche ou unha operación de maquillaxe” xa que “a separación de fontes de financiamento é un mero instrumento, posto que a protección social que ofrece a Seguridade Social é unha responsabilidade do estado”.

Pretenden que se teña en conta toda a vida laboral

Para Méndez as propostas a longo prazo ofrecidas van no camiño de “dificultar o acceso a unha pensión pública aumentando a idade de xubilación efectiva, e tamén no camiño da redución das contías”, ao propoñer para o cálculo das mesmas que se teña en conta toda a vida laboral. Isto vén sendo “a receita de sempre: penalizar á clase traballadora no final da súa vida laboral, para que quen máis ten siga aumentando as súas ganancias”, afirma.

Tal e como explica a secretaria de Organización, a AIRef centra a sustentabilidade do sistema público de pensións (e, polo tanto, as solucións propostas) no gasto, esquecendo que, como esta entidade mesma recoñece na súa nota de prensa, “o actual déficit da Seguridade Social ten orixe no desplome das cotizacións resultante da grave crise que estamos a sufrir, que após as medidas implantadas polos sucesivos gobernos, derivou nun mercado laboral precarizado, con salarios devaluados, importante incremento dos contratos temporais e a tempo parcial, xornadas laborais flexibilizadas, e bonificacións ás cotizacións” das que se favorecen as grandes empresas que teñen beneficios millonarios.

Isto, advirte, supón unha diminución considerábel dos ingresos da caixa da Seguridade Social, algo para o que, “esta axencia creada por imposición da UE a raíz do rescate bancario, non propón solución ningunha”.

Alternativas da CIG

Méndez lembra que desde a CIG lévase anos ofrecendo propostas alternativas para un mercado laboral estábel e seguro, con salarios dignos, e unha política fiscal xusta e equitativa, que implicaría a base para un sistema público de pensións forte e garantido. “Todas as nosas propostas van pola vía de aumentar os ingresos, posto que entendemos que é o principal problema que ten o sistema”, asegura.

Para a central sindical o Estado “debe garantir a estabilidade e a suficiencia económica do sistema, e facelo con medidas que leven á creación de emprego estábel, en condicións dignas, con salarios xustos”. Para iso Susana Méndez afirma que “o primeiro que cómpre é derrogar as reformas impostas durante a crise”, nomeadamente as reformas laborais, as reformas da negociación colectiva e as reformas do sistema de pensións, nas que, “precisamente, as propostas da Airef queren afondar, para continuar co desmantelamento do sistema público de pensións e seguir a favorecer a entrada do capital privado”, denuncia.