A CIG advirte do peche dun dos dous parques de bombeiros de Vigo por falta de persoal
A CIG denuncia que a falta de persoal obrigou a pechar dende as 22:00 horas de onte até as 22:00 horas de hoxe o parque de bombeiros de Coruxo, un dos dous cos que conta o Concello de Vigo. Dende a central sinalan que dos 20 efectivos necesarios para manter operativas as dúas instalacións unicamente hai 12, aumentando o tempo de resposta no caso de emerxencia. E amosan a súa preocupación polo que poida acontecer a partir de mañá tendo en conta que presumibelmente a escaseza de efectivos vai continuar, polo que o parque Coruxo permanecería pechado máis tempo.
A situación é de especial gravidade tendo en conta que esta instalación é a encargada de cubrir as zonas industriais de Balaídos (Stellantis, Zona Franca, etc) e do Porto de Vigo, ademais dunha grande extensión de masa forestal (precisamente a que concentrou os graves incendios dos últimos anos). “Trátase dunha situación gravísima que mesmo pode poñer en risco a vida das persoas ao quedar toda a cidade cuberta unicamente polo parque de Teis, pero o Goberno local segue sen tomarse isto en serio”, critican dende a CIG.
Trátase dunha situación gravísima que mesmo pode poñer en risco a vida das persoas
A problemática vén derivada da estrutural falta de persoal no servizo de bombeiros denunciada dende hai anos polas centrais sindicais e que motivou a convocatoria de folgas e mobilizacións. Coa chegada do verán a situación complícase ao acumulárense os descansos e as vacacións dos traballadores/as. A pesar disto, o Concello leva oito meses coa oferta de emprego paralizada, tal e como censuran dende a representación da CIG nos bombeiros.
“En consecuencia agora atopámonos, ao igual que o ano pasado, con que non hai os efectivos mínimos para manter abertos os dous parques, o que deixa unha zona moi importante da cidade desprotexida ao aumentar o tempo de resposta en caso de que se produza unha emerxencia”, sinalan.