A CIG denuncia os reiterados incumprimentos laborais de Industrias Lácteas de Nadela

Non respecta nin o establecido no convenio do sector nin o regulado no acordo de melloras da empresa
Lugo - 07 Feb 2022

A CIG denuncia os reiterados incumprimentos da empresa Industrias Lácteas de Nadela SL, do grupo Lactalis, anteriormente Puleva Foods, tanto no que ten a ver coas condicións establecidas no convenio colectivo como a respecto do acordo de melloras asinado para este centro de traballo.

Isto provocou que, nos dous anos, o  persoal teña que recorrer de maneira continuada á vía xudicial para que se lle respecten os seus dereitos, "o que evidencia unha clara aposta de Lactalis pola xudicialización e o conflito nas relacións laborais", critica o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona.

Sobre os incumprimentos, a representación da CIG sinala que a empresa non cumpre co pactado nos acordos de empresa no relativo á valoración dos postos, non segue os criterios pactados para computar o traballo efectivo, xa que está facendo o cálculo "ao seu antollo e todos os anos de forma diferente", malia estar regulado dende o ano 2017. Algo semellante ocorre co cómputo do exceso de xornada. Con este proceder, a empresa está obrigando ao persoal a ter que presentar todos os anos demandas xudiciais.

Tamén aplica cambios de carteleiras sen xustificar e impostas de maneira unilateral, sen negociación nin acordo co comité ou os traballadores/as afectados/as. Isto a foi xudicializado e gañado,, aínda que a empresa ten recorrida a sentenza.

Todo isto, engade López Carmona, podería non chamar a atención, "pero o feito de que o seu persoal teña que ter os ollos constantemente no ‘petos’ por se a empresa ‘mete a man’ na ‘carteira’ está a ser unha constante, o que sumado á inminente actualización do convenio do sector das industrias lácteas e á solicitude de actualización do acordo de melloras da empresa, notificado polo comité á empresa, esboza unha previsión dun escenario convulso nos vindeiros meses".