A CIG advirte que a cada vez máis deteriorada política de persoal do Concello de Vigo afecta os servizos públicos

O atraso nas ofertas de emprego provoca que das 302 vacantes actuais tan só 110 están ocupadas de xeito interino
Vigo - 26 Abr 2023

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo denuncia que “a cada vez máis deteriorada” política de persoal do Goberno local está a afectar negativamente o funcionamento dos servizos públicos, até o punto de que se opta por contratar empresas privadas para levar a cabo distintas funcións ante a falta de traballadores/as municipais. De feito, o atraso nas ofertas de emprego provoca que das 302 vacantes actuais, tan só 110 están ocupadas de xeito interino, o que provocou xa peches temporais como os do arquivo municipal ou da oficina de Benestar Social de Teis.

Dende a centra sindical censuran que esta falta de persoal levou o Concello a contratar unha empresa para que se faga cargo das becas para libros por importe de 205 euros anunciadas polo alcalde “porque o Servizo de Educación está baixo mínimos”. De xeito que “para poder pagar as becas antes das eleccións” botaron man dunha compañía para tramitar as solicitudes a cambio de 15.000 euros. “Puideron ter contratado persoal administrativo por acumulación de tarefas, pero é máis fácil pagarlle a unha empresa”, lamentan.

Esta escaseza de traballadores/as provocou tamén o peche da oficina de Benestar Social de Teis hai un par de meses e do arquivo municipal durante os tres días laborábeis da Semana Santa. “Esta situación é consecuencia directa do atraso e da lentitude en rematar as ofertas de emprego, porque das 302 vacantes existentes na actualidade só 110 están ocupadas interinamente”, sinalan. Ao tempo que advirten que de seguir con este ritmo á hora de convocar as ofertas de emprego algúns/as destes/as interinos/as van a rematar o seu contrato ao superar os tres anos que establece a lei.

“Con esta porcentaxe de vacantes non hai un servizo que non estea falto de persoal, o que lle dá un plus de tensión e ansiedade ao persoal que ten que suplir o traballo das vacantes, ademais de traducirse nunha falta de atención á cidadanía, con citas a longo prazo ou co peche de oficinas”.

Atrasos nas ofertas de emprego

Como exemplo poñen os atrasos nas ofertas de emprego, como a dos anos 2017-18-19, cuxo prazo de solicitudes rematou o 16 de novembro do 2022, sen que a día de hoxe (5 meses despois) se publicase aínda a lista de persoas admitidas e as datas das probas.

“Se é inaudito tardar máis de catro anos en rematar unha oferta de emprego, o que non pasa en ningunha outra administración, o máis grave é que as prazas convocadas (64) nesta fase (a terceira) son as das categorías máis baixas. E logo xustifican a privatización de servizos municipais aludindo á de persoal”. A maiores, sinalan que parte destas 64 prazas son de promoción interna, polo que este atraso está a restrinxir o dereito do persoal fixo a promocionar profesionalmente.

E tamén se preguntan cando teñen pensado convocar as ofertas de emprego de 2020-21-22. Con respecto á de 2023 lembran que segundo a lexislación debera aprobarse un mes despois dos orzamentos. “Estamos case en maio e non amosaron nin a intención de negociala”.
En canto á oferta de emprego de estabilización, explican que dende que se publicaron as bases xerais en decembro as bases específicas seguen sen coñecerse, “polo que a este paso xa estarán xubilados/as algúns dos/as afectados/as”.

E no que ten que ver coa creación de bolsas para contratacións, en marzo de 2022 publicáronse as bases para crear bolsas para contratacións de técnico/a de prevención, técnico/a de xestión e axente de igualdade. “Mais un ano despois están sen rematar”.