A empresa ourensá Unvi presenta un ERTE para coaccionar o persoal na negociación do convenio

A CIG denuncia que a firma do grupo Pérez Rumbao quere flexibilizar a xornada para non pagar horas extra
Ourense - 05 Nov 2019

A federación de Industria da CIG de Ourense denuncia que o ERTE que vén de presentar a empresa ourensá Unvi para a totalidade do cadro de persoal (Unvi e Unvi Carroceros) é un xeito coaccionar os traballadores/as na negociación do convenio colectivo, xa que pretende flexibilizar a xornada para non pagar horas extra.

Dende a CIG-Industria sinalan que a dirección da compañía pertencente ao grupo Pérez Rumbao tomou a decisión logo dun ano de conversas que non serviron para chegara un acordo pola falta de vontade da empresa.

Ademais, Unvi procedeu de xeito unilateral a incrementar os soldos un 1,8% para desmobilizar o cadro de persoal, “subida que agora ameaza con eliminar”. Dende o comité de empresa (5 delegados/as de CCOO e 4 da CIG) reclaman un aumento salarial similar ao do convenio do siderometal de Ourense.

Traballadores/as á carta

Dende a representación sindical denuncian que a compañía comezou a facer asembleas sección por sección para presionar os traballadores/as. “Pero o colmo das presións chega o pasado venres 25 de outubro, cando anuncian que van presentar un ERTE e ameazan con non pagar a extra de decembro”.

Segundo denuncian, estas presións teñen por obxectivo lograr unha flexibilización da xornada para poder ter “traballadores/as á carta” e para non ter que pagar horas extra cando aumente a carga de traballo, “ademais de pretender que apliquemos o convenio que queren”.