Precariedade, falta de formación e altos ritmos de produción, detrás dos accidentes laborais na automoción

A CIG lamenta a morte dun operario na empresa Lear do Porriño e ponse a disposición da familia

Vigo -

A federación de Industria da CIG de Vigo sinala a precariedade, os altos ritmos de produción e a falta de formación derivada das cadeas de subcontratación como responsábeis da maior parte dos accidentes laborais que se producen no sector da automoción. A central, que estuda presentarse como acusación particular, lamentan o recente falecemento dun traballador nas instalacións da empresa Lear Corporation no Porriño e ponse a disposición da familia para prestarlle apoio e asesoramento.

Para a CIG-Industria o aumento dos accidentes laborais na automoción é consecuencia directa da crecente precarización do sector, cun incremento dos ritmos de produción, da temporalidade e das cadeas de subcontratación, o que se traduce na entrada de operarios/as sen a formación axeitada que entran a través de ETT, empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego. 

Lear paralizou algunhas máquinas para revisar os protocolos de seguridade

O grupo Lear (Vigo e Porriño) destaca precisamente polos seus altos niveis de contratación mediante ETT e empresas multiservizos. No caso do traballador falecido, prestaba servizos de mantemento a través dunha subcontrata externa cando se produciu o accidente laboral na mesma máquina na que tempo atrás xa se rexistrara outro incidente grave. Segundo puido saber a CIG, algunhas das máquinas da empresa atópanse paradas nestes momentos mentres se leva a cabo a revisión dos protocolos de seguridade.

Responsabilidade da dirección

Para a central, que estuda presentarse como acusación particular no caso, a responsabilidade dos accidentes laborais hai que buscala nas direccións das compañías, que son as que teñen que velar pola seguridade e saúde dos empregados/as e garantir que conten coa formación axeitada para o posto que ocupan. Polo tanto, a CIG rexeita as informacións interesadas que pretenden desviar esa responsabilidade cara aos traballadores/as.

 Finalmente, dende a federación de Industria fan un chamamento ao conxunto do persoal da automoción para afrontar dende a unidade os retos e as problemáticas que enfronta un sector en constante transformación como consecuencia da coñecida como cuarta revolución industrial ou industria 4.0. Entre elas o imparábel aumento dos ritmos de produción, que está a ter consecuencias nefastas sobre a saúde dos operarios/as e que motivou a recente convocatoria dunha histórica folga na planta viguesa de PSA Peugeot Citroën.

Volver