A CIG-Saúde denuncia que, tras o discurso de “axilidade” e “reforzo do control” anunciado polo Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para a inspección sanitaria, se agocha unha nova ofensiva contra as persoas traballadoras e unha fiscalización crecente do criterio profesional do persoal de Atención Primaria. Para o sindicato, este anuncio pretende instalar un discurso perigoso no que enfermar se volve sospeitoso, ao prevalecer a presión económica sobre o criterio clínico.
A central sindical alerta de que a resolución do 20 de maio de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, modifica o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal (IT) e habilita a Inspección de Servizos Sanitarios a permitir, cunha única autorización, todas as probas e procedementos relacionados co proceso de IT que soliciten as mutuas. O sindicato lembra que, na redacción anterior, a autorización era proba a proba, e sempre que as probas ou procedementos foran solicitadas previamente polas persoas profesionais da sanidade pública.
Estes cambios suporán unha derivación de cartos públicos cara á sanidade privada, reforzando a esta e debilitando a pública
Deste xeito, habilítase as mutuas a solicitar cunha única autorización as probas diagnósticas, tratamentos e procedementos de rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común, sen que figure ningunha limitación polo tipo de patoloxía, nin que estas fosen solicitadas polas profesionais da sanidade pública.
A única condición que se mantén é que as probas e procedementos conten co consentimento informado do/da paciente conforme ao marco legal actual. Pero, para a CIG-Saúde, cómpre preguntarse se é realmente libre o consentimento nun contexto de criminalización das persoas traballadoras en IT; e se pode entenderse que non outorgar este consentimento sexa considerado unha falta de colaboración no proceso de curación, coa consecuente perda da prestación económica. Ademais, inquiren se ese asentimento constituirá un cheque en branco “para que a mutua realice todo que considere pertinente”.
Cartos públicos, negocio privado
As mutuas poderán realizar estas probas e procedementos con recursos propios ou mediante contratación con terceiros —é dicir, coa sanidade privada— a través de procedementos regulados. A CIG-Saúde advirte que a instrución non recolle ningunha referencia a como se vai financiar o incremento de probas e procedementos, xa sexa con recursos propios das mutuas ou vía contratación coa sanidade privada. En calquera caso, sexan cartos do Servizo Galego de Saúde ou dos fondos da Seguridade Social, suporá unha derivación de cartos públicos cara á sanidade privada, reforzando a esta e debilitando a pública.
“En lugar de apostar e reforzar a sanidade pública e eliminar as listas de agarda que non fan máis que medrar, as mutuas incrementan a súa derivación de cartos públicos cara á sanidade privada”, rexeitan.
Control sobre diagnóstico, tratamento e rehabilitación
A nova redacción inclúe, entre os procedementos que poden realizar estas entidades, os procedementos rehabilitadores, que non figuraban na instrución anterior. Como consecuencia, denuncia a CIG-Saúde, as Mutuas terán o control total do diagnóstico, tratamento e rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común.
Serán as propias mutuas as que decidan as probas diagnósticas e os procedementos terapéuticos e de rehabilitación das persoas en situación de IT, sendo quen seleccionan a que persoa e que probas e procedementos se solicitan e realizan. Ademais, “se a criterio das mutuas é preciso realizar novas probas ou procedementos, poderán ser solicitadas e autorizadas co mesmo trámite, reforzando o control total destas sobre as persoas traballadoras en situación de IT”.
Sen garantías sobre a historia clínica
A nova redacción inclúe que as probas e procedementos realizados polas mutuas se incorporen á historia clínica electrónica dos e das pacientes. Porén, a CIG-Saúde alerta que non figura ningunha garantía de que as entidades colaboradoras —e, de ser o caso, a sanidade privada— non poidan acceder ao conxunto da historia clínica das persoas traballadoras en situación de IT.
Diante desta situación, a CIG-Saúde exixe:
- A retirada inmediata da resolución do 20 de maio de 2026 na que se regula a xestión da IT por parte das mutuas.
- O mantemento da autorización proba a proba, baseada exclusivamente no criterio das e dos profesionais da sanidade pública.
- Transparencia total sobre o financiamento de calquera actuación solicitada polas mutuas.
- Garantías expresas e por escrito sobre o acceso á historia clínica electrónica das persoas traballadoras.
- O reforzo real da sanidade pública fronte á derivación de cartos públicos a favor da sanidade privada e das Mutuas.
Finalmente, dende a central sindical adiantan a súa intención de continuar mobilizándose para defender os dereitos das persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal e para frear calquera intento de privatización encuberta da xestión da IT.