A CIG denuncia que a Xunta carece dunha política industrial para o país que free a caída da automoción

Ante a forte baixada da contratación no sector en Galiza e o anuncio da instalación dunha nova empresa en solo portugués

Vigo -

A federación de Industria da CIG de Vigo vén de denunciar a falta dunha política para o sector por parte da Xunta de Galiza que free o esmorecemento progresivo da automoción, tendo en conta que as principais compañías están a optar por instalarse en solo portugués. Dende a central sinalan que só no último ano a contratación na automoción caeu un 26,7%.

Dende a CIG-Industria lembran que dende o inicio da crise económica ningunha empresa da automoción se instalou en Galiza, “e as que quedan están a reducir o seu cadro de persoal e a precarizar aínda máis as condicións laborais”. 

Dende o inicio da crise ningunha empresa do sector se instalou no país

Mentres, Portugal segue a incrementar a súa capacidade produtiva atraendo novas empresas do sector. Esta mesma semana anunciábase a chegada dunha nova compañía dedicada á fabricación de vehículos, polo que xa son cinco as instaladas en solo portugués nos últimos anos. Mesmo empresas de capital galego están a optar por investir no país veciño como consecuencia da política de captación de investimentos planificada polo Goberno portugués.

Dende a CIG ven con preocupación o desleixo da Xunta de Galiza á hora de aplicar políticas que permitan atraer empresas e a falta de planificación que padece o sector industrial, sen unha política propia que atende as necesidades e peculiaridades do país. “Por iso insistimos na necesidade de impulsar un plan galego para a industria da automoción, entre outras medidas que vimos reclamando, coma unha aposta clara pola formación e non por afondar na precarización laboral”.

Descenso da contratación

Para isto é necesario un enfoque cara a fabricación de produtos de alto valor engadido fronte aos vehículos low cost, así como implementar unha tarifa eléctrica bonificada á que se poidan acoller á empresa, tendo en conta que Galiza unha das principais produtoras de enerxía do Estado.

Entenden que só deste xeito se poderá frear a constante perda emprego de crecente precarización, xa que non hai que esquecer que a contratación no sector da automoción caeu un 26,7% no último ano no noso país, sendo o sector que experimentou un maior descenso.

“A Xunta non pode seguir a xogar un papel irrelevante nunha industria estratéxica para Galiza, facendo unicamente de correa de transmisión das políticas que impón PSA Citroën, polo que se fai imprescindíbel unha planificación axeitada e unha política industrial que garanta a supervivencia dun sector cunha importante incidencia na economía galega e fundamental en comarcas como a de Vigo”, rematan.

Volver