As contas do Concello de Vigo en 2022 evidencian o proceso de privatización dos servizos públicos

A CIG denuncia que o Goberno local deixou sen utilizar máis de 11 millóns de euros do orzamento correspondentes a gastos en materia de persoal
Vigo - 24 Xan 2023

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo vén de denunciar que as contas do Concello de Vigo do ano 2022 evidencian unha vez máis o proceso de privatización dos servizos públicos posto en marcha polo Goberno local, que o pasado exercicio deixou sen utilizar máis de 11 millóns de euros do orzamento correspondentes a gastos de persoal.

As contas do Capítulo I dos orzamentos municipais, que recolle os gastos en materia de persoal, amosan que o Concello deixou sen executar un total de 11.242.227 euros, “aforro” que para a CIG non é “puntual nin casual”, máis ben “unha estratexia de deixar morrer os servizos públicos e privatizalos”. 

Dende 2008 hai 143 prazas de persoal de oficios menos 

Por iso rexeitan e consideran mesmo “inmoral” que se considere “unha boa xestión” o “aforro” no gasto de persoal; “máis ben todo o contrario, pois temos unhas 200 prazas pendentes de convocar das ofertas de emprego 2020, 2021 e 2022, ás que hai que engadirlle as correspondentes ás ofertas de 2017-18-19 que están sen rematar”.

Neste senso, sinalan que os remanentes do orzamento dedicado aos gastos de persoal repítense ano tras ano: 3.731.000 euros en 2016, 7.530.000 en 2017, 4.512.000 en 2018, 5.823.000 en 2019, 8.484.000 en 2020, 12.037.000 en 2021; o que sumado aos máis de 11 millóns do ano pasado deixa unha cantidade total de máis de 50 millóns de euros.

Gastos en "festas e aparato"

E censuran que mentres estas cantidades “sobrantes” se gastan en “festas e aparato” as instalacións municipais “de todos os servizos” están “sen mantemento nin medios (goteiras, fiestras sen cristais, persianas que non van, etc”. “Por non falar do parque central de obras, que leva anos pendente de reforma, ou da falta de renovación dos vehículos municipais, que están para o arrastre”.

Finalmente, sosteñen que esta estratexia de privatización paulatina céntrase sobre todo nos servizos (afectando en maior medida ao persoal de oficios) e vese claramente atendendo aos datos destes anos da “era Caballero”: as prazas totais de persoal en 2008 eran 1513, pasando a 1394 en 2023 (119 menos); destas, as de oficios eran 419 en 2008, sendo 276 en 2023, o que supón unha redución de 143 prazas.