A CIG denuncia que o actual modelo de cita previa dificulta o acceso presencial ás oficinas da Axencia Tributaria
A representación da CIG na AEAT demandou que a Axencia Tributaria reformule o servizo de cita previa para ofrecer un rango máis amplo de datas ás persoas que pretenden concertar unha cita previa, garantindo deste xeito a atención presencial.
Segundo explica o responsábel do subsector da CIG, Xosé Henrique García Outeiral, “o novo sistema de cita previa da Axencia Estatal de Administración Tributaria só oferta 4 posíbeis datas consecutivas como opción para concertar a mesma, sendo a seguinte ao día en que se realiza o trámite e as correlativas segundo dispoñibilidade (colocando en primeira opción a atención telefónica)”.
Ademais, este sistema para concertar cita obriga a realizar previamente unha busca de trámites nada intuitiva para quen non estea familiarizado coa administración tributaria. “Todo isto dificulta o acceso das persoas administradas aos servizos tributarios de xeito presencial”, advirten dende a CIG-AEAT. Neste sentido, engaden, remitir á atención telefónica sen advertir da necesidade de contar con certificado dixital "fai que non se poidan atender tampouco de xeito telefónico, agás que se trate de información xeral".
Coma servizo público que somos, temos que estar ao servizo da cidadanía e coas medias impostas, ponse a cidadanía ao servizo da administración”
A CIG lembra que non todo o mundo vive na localidade onde está emprazada unha administración ou delegación da AEAT: a dispersión poboacional en Galiza, a deplorábel realidade do transporte público e as condicionantes sociodemográficas do país complican moito programar un desprazamento ás oficinas tributarias nalgunha das tres datas que o portal de Cita Previa ofrece, vulnerando así os dereitos das persoas contribuíntes.
“Semella que para a Axencia Tributaria as persoas que residen en aldeas e lugares a ducias de quilómetros dunha administración non teñen o mesmo dereito a ser atendidas nas oficinas e dependencias da AEAT, malia contribuír como as que residen na cidade ao sostemento do gasto público cos seus tributos”, cuestionan. “Coma servizo público que somos, temos que estar ao servizo da cidadanía e coas medias impostas na administración ponse a cidadanía ao servizo da administración” insisten.
Por outra banda, a CIG tamén cuestiona que se estea a obrigar, na práctica, ás persoas administradas a agardar a intemperie durante o inverno mentres o persoal de seguridade funciona como filtro de acceso ás oficinas. “Isto vai na mesma liña de reducir ao máximo a atención presencial nos edificios da AEAT”, reproban.
“Resulta cuestionábel que o que tiña que servir para facilitar a organización da vida das contribuíntes para poder realizar os seus trámites tributarios e da actividade da administración tributaria, en realidade está a se utilizar como unha barreira máis para o acceso da cidadanía ás oficinas públicas que mantén cos seus impostos para ter un servizo de calidade” critican.
“Non se nos oculta que isto non deixa de ser unha volta máis na política de peche progresivo de administracións da AEAT nas cabeceiras comarcais do país”, conclúe a representación da CIG.