A CIG-Industria amosa o seu rexeitamento ao convenio estatal de artes gráficas asinado por CCOO e a patronal porque non inclúe melloras laborais que permitan dignificar as condicións de traballo no sector, ao tempo que reclama un marco galego de negociación que evite que se volva dar un proceso “opaco e lonxe dos centros de traballo”.
Para a central sindical, maioritaria no sector en Galiza, o que vén de acontecer con este convenio evidencia a necesidade de pular por un convenio galego que realmente incorpore as demandas das persoas traballadoras da industria das artes gráficas. “Asistimos desta vez e coma sempre a unha negociación de cúpulas, opaca, escura e lonxe dos centros de traballo, na que ademais a nosa escasa representación -1 representante de 15 nunha mesa negociadora na que CCOO ten a maioría- impídenos sacar adiante calquera tipo de avance”.
O pacto contempla suba salarial e redución de xornada "claramente insuficientes"
En consecuencia, na CIG consideran que o convenio xa está asinado. “Que non nós enganen, o que asinaron non é un preacordo, senón que xa está todo feito”. Ao tempo que denuncia que o pactado non mellora as condicións das persoas traballadoras e segue afondando na precariedade.
O convenio terá unha vixencia de catro anos (2026-2029), “hipotecando as nosas condicións de traballo durante moito tempo”. E establece uns salarios claramente insuficientes (3,2%, 2,8%, 2,8% e 2,7%) e non garante o poder adquisitivo, “cando estamos ademais nunha situación de incerteza económica a nivel mundial”. Xa que a cláusula de garantía salarial bianual foi topada ao 1,5%, “polo que se o IPC se dispara -e non é descartábel- imos seguir perdendo poder adquisitivo”.
Convenio galego
De igual xeito, a redución de xornada de oito horas en catro anos a partir do 1 de xaneiro do 2028 é tamén insuficiente para a central sindical. A maiores, créanse comisións “sen garantía de arranxar nada” en cuestións tan importantes como clasificación profesional ou IT.
“Mentres as melloras non avanzan atopámonos que se endurece o réxime disciplinario en temas relacionados co uso do móbil, prevención de riscos e tabaco”. Tampouco se fala nada de creación de novos pluses que dignifiquen o sector, melloras nas vacacións, contratación para eliminar o abuso das ETT, xubilación parcial, etc.
Polo que a CIG seguirá a reivindicar nos vindeiros anos a necesidade dun convenio galego para o sector que garanta unhas condición laborais dignas “e que permita que as persoas traballadoras teñamos capacidade real de decisión”.