A CIG denuncia que o incremento do SMI mantén os baixos soldos e fica lonxe dos 1150 euros mensuais

Critica que a suba do 1,5% non compensa a perda de poder adquisitivo, co IPC ao 3,9% en Galiza

Nacional -

A CIG denuncia que o incremento do Salario Mínimo Interprofesional acordado entre o Goberno español de PSOE-Unidas Podemos e os sindicatos estatais CCOO e UGT dificulta o cumprimento dos compromisos acordados polo Estado español na Carta Social Europea de chegar aos 1150 euros, o 60% do soldo medio actual. Ademais, a suba do 1,5% pactada non compensa a perda de poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC acadou en Galiza o 3,9% en agosto.

Dende a central sindical consideran “raquítica” a efectividade real deste aumento do SMI, que foi cualificado como unha “desconxelación” e non como unha suba polo propio Ministerio de Traballo. Entenden que este incremento “miserábel” frea o avance cara os 1150 euros mensuais non que se debera situar o SMI segundo a Carta Social Europea. 

Este incremento “miserábel” frea o avance cara os 1150 euros mensuais non que se debera situar o SMI segundo a Carta Social Europea

Segundo sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío, “con este pacto prodúcese unha escenificación que non é críbel e na que a patronal interpreta un desencontro co propio Ministerio cando os seus representantes participaron na comisión de expertos/as que avalou este incremento insuficiente”.

Ao mesmo tempo, Sío lembra que o Goberno español botara man de datos antigos para limitar o aumento do SMI, de xeito que cada persoa traballadora deixará de ingresar 100 euros mensuais. O comité de expertos/as designado pola ministra de Traballo, no que participan representantes de UGT e CCOO, da CEOE e Cepyme, así como os Ministerios de Facenda e Economía, propuxo que o salario mínimo tiña que situarse nun tramo entre os 1011 e 1049 euros ao mes para o vindeiro ano 2023, de xeito que alcanzase o 60% do soldo medio do Estado español.

Este comité suxeriu tamén que existía a “alternativa” de concentrar a suba nos últimos anos, ao tempo que considerou que nun escenario “prudente” o incremento en 2021 podía ser de entre un 1,3% e un 2% (cando o IPC actual é do 3,9% en Galiza e do 3,3 no conxunto do Estado).

Neste senso, o responsábel de Negociación Colectiva da CIG censura que de nada vale que o Estado español ratifique a actualización da Carta Social Europea como fixo recentemente se despois a incumpre “ás primeiras de cambio.” Indica que no artigo 4 da Carta recoñécese “o dereito das persoas traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione a elas a ás súas familias un nivel de vida decoroso”. Sendo o Comité de Dereitos Sociais de Europa o que estableceu ese salario decoroso, situándoo alomenos no 60% do salario medio, que no Estado español sería de 1150 euros.

Mais a comisión de expertos/as colleu como referencia para calcular o SMI os datos aportados pola Enquisa de Estrutura Salarial do ano 2018, que apunta a un salario medio anual de 24.009,12 euros ou a un salario mensual de 1028 euros en 14 pagas. Cando o salario medio mensual do último trimestre do ano 2020 foi de 1899,9 segundo o propio INE.

Polo tanto, o 60% dese salario neste ano 2021 debera ser de 1139,94 euros, aproximadamente uns 165 euros ao mes máis da suba salarial que acaban de aprobar. Mais a este incremento temos que engadirlle as diferentes subas do IPC nos anos 2021, 22 e 23 que se perderían ao aplicar o cálculo do ano 2018 sen ter en conta todas as subas que se van a producir.

Pobreza laboral

Na CIG sinalan que os asinantes deste acordo coñecen a existencia dun compromiso da Unión Europea para acabar coa competencia a base de salarios baixos e coa pobreza laboral da que algúns estados membros, entre os que se atopa o Estado español, participan. “E ante a obriga de aumentar o salario mínimo vanlle roubar máis dun 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas, que na súa maioría son as mulleres, a mocidade e as migrantes”. 

Vanlle roubar máis dun 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas, que na súa maioría son as mulleres, a mocidade e as migrantes

Neste senso, critican que mentras a maioría dos estados aumentaban o SMI para o ano 2020, o Goberno español conxelouno, e no 2021 aplica unha suba moi por debaixo do IPC, facendo perder poder adquisitivo ás persoas traballadoras máis necesitadas nun momento de crise como o actual.

Ademais, denuncian que o propio Banco de España e a CEOE veñen publicando informes “enganado e confundindo” a opinión pública sobre a suposta destrución de emprego polos efectos da suba SMI. “É curioso que estes organismos se dediquen a introducir a súa ideoloxía neoliberal e antiobreira na opinión pública mentre calan ante a estafa das trasnacionais eléctricas que provoca empobrecemento xeneralizado e peche de empresas”.

Diante disto, dende a CIG demándanlle ao Ministerio de Traballo e ao Goberno español no seu conxunto “que deixen de mentir e de enganar á clase traballadora” e que incrementen o SMI até os 1150 euros mensuais, e que manteñan as subas anuais ligadas ao IPC. Tamén solicitan a supresión do Indicador de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera prestación social pública, ademais de empregalo para o cálculo das pensións mínimas.

Volver