O peche do centro de control de Iberdrola na Rúa afonda no desmantelamento industrial do país

A CIG-Industria reclama o mantemento das instalacións e de todos os postos de traballo en Galiza
Ourense - 12 Feb 2021

A CIG denuncia que o peche do Centro de Operación de Cuenca (COC) do río Sil que Iberdrola ten na localidade ourensá da Rúa, na comarca de Valdeorras, afonda no desmantelamento industrial do noso país, polo que reclama o mantemento en Galiza tanto das instalacións dende as que se supervisan as centrais hidroeléctricas da compañía como de todos os postos de traballo.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, compareceu hoxe en rolda de prensa en Ourense xunto ao secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez, para alertar de que a decisión de Iberdrola de clausurar o centro de control galego para trasladalo en Salamanca “é un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos e que ameaza con converter o noso país nun ermo produtivo”.

Fronte a isto, incidiu en que todas as operacións de control dos recursos enerxéticos galegos teñen que permanecer en Galiza, ao tempo que lembrou que o centro de control da Rúa leva en funcionamento dende 1955 e é o de maior antigüidade do Estado. De igual xeito demandou o mantemento de todos os empregos no noso país, xa que o traslado afectará a 16 persoas, como compensación do impacto social que a produción de enerxía provoca no noso territorio.

Ademais, fixo fincapé en que Iberdrola é unha compañía privada que fai negocio mediante a explotación dos recursos naturais públicos. “Aprovéitase dos nosos recursos naturais pero os centros de control lévaos fora do país”, censura. Aludiu tamén ao forte impacto que as centrais hidroeléctricas teñen sobre o territorio, nomeadamente sobre as zonas rurais nas que se asentan. “No seu día apropiáronse destas instalacións e agora abandonan todo, e aínda por riba Iberdrola vai optar a conseguir máis megavatios de enerxías renovábeis aquí”.

Segundo detallou, está previsto que a compañía materialice o mes que vén o proceso de reordenación dos seus centros de control que anunciou en 2018. Así, dos catro COC existentes no Estado español unicamente vai quedar en funcionamento o de Salamanca, dende onde se levará a cabo o control e a supervisión de todas as instalacións hidroeléctricas que a compañía posúe no Estado.

Autorización administrativa

O responsábel sindical considera que unha decisión desta importancia debera precisar da correspondente autorización administrativa, pero entende que o que está a acontecer co centro de control é resultado da falta dunha política industrial e enerxética por parte da Xunta. “Por iso nos atopamos cun novo caso tras o que está a acontecer con Alcoa, Ferroatlántica, Endesa Alu Ibérica ou Gamesa. Neste senso, pregúntase se o Goberno galego analizou as consecuencias da decisión de Iberdrola, non só no que ten que ver coa perda do centro de control, senón tamén coa propia seguridade das centrais. 

A CIG entende que unha decisión desta importancia debera precisar da correspondente autorización administrativa

De feito, e segundo a normativa do Plan de Emerxencia de Presas (PEP), todas as presas hidroeléctricas supoñen un risco para a poboación. “Polo que supoñemos que non será o mesmo ter xente sobre o terreo que poida actuar ante unha posíbel eventualidade que facer un seguimento a distancia”. Ademais, moitas das centrais galegas non foron modernizadas nos últimos anos e carecen da tecnoloxía necesaria para que sexan “telemandábeis”, o que imposibilita que poidan ser controladas a distancia.

A propia empresa recoñece que un dos motivos que a leva a pechar os tres COC e a centralizar todo o control no de Salamanca é que a súa tecnoloxía está practicamente obsoleta. “Non pode poñer este argumento como escusa, porque o que ten que facer é investir na súa modernización; o meso que vai instalar en Salamanca pode facelo aquí”.

Pero para o secretario nacional da CIG-Industria o traslado responde a unha decisión empresarial coa que busca reducir custes, non ofrecer un mellor servizo, xa que “non se dan os criterios técnicos nin económicos que xustifiquen a centralización das labores de supervisión en Salamanca”.

Finalmente, critica que Iberdrola faga esta operación nun momento tan “inoportuno”, en pleno proceso de transición enerxética, “xa que van levar a cabo unha reestruturación cando aínda non saben como vai quedar o mapa enerxético”.