A CIG-Servizos de Compostela denuncia as “insoportables” temperaturas que tiveron que aturar tanto o persoal como o alumnado usuario dos comedores escolares de CEIP de Ventín e máis o do EEI do Milladoiro. Lembran que o concello fixo medicións, pero denuncian que non se adoptaron as medidas necesarias.
Nestes días rexistráronse, nos termostatos destes comedores escolares, temperaturas entre os 29´5ºC e 30´5ºC. O persoal lembra que malia levar anos denunciando a situación ninguén fai nada. “Sentímonos ignoradas e temos medo de que algún día algunha traballadora ou usuarios/as do servizo sufran algún golpe de calor”.
Segundo explican, en Ventín hai un sistema de aire frío desde o ano pasado que “é insuficiente e cando entra o alumnado ao comedor a temperatura volve a acadar os 30º”. Unha situación que se repite, igual ou peor, durante as Escolas de Verán que se realizan nos centros de Milladoiro.
Supérase o máximo legal permitido
Aseguran que o ano pasado o concello fixo medicións no CEIP de Ventín e que é coñecedor de que se supera o máximo legal permitido, tanto en temperatura, como porcentaxe de humidade, pero que non se buscaron solucións.
Denuncian ademais que a EEI de Milladoiro está totalmente ignorada e son o colectivo máis vulnerable pola súa corta idade. “Non se molestan nin en poñer parches", afirman. Por iso reclaman medidas urxentes para unha situación que cualifican como “desesperada”.