A CIG denuncia que se volva ao traballo sen garantir a seguridade das persoas e sen que haxa mecanismos de control estritos

O reinicio da actividade nestas condicións agrava as situacións de risco e os abusos patronais
Nacional - 13 Abr 2020

A CIG considera unha enorme irresponsabilidade que o goberno español permita o reinicio das actividades económicas non esenciais cando aínda estamos en situación de máxima emerxencia sanitaria, cando non se corrixiu a falta de medidas de protección nos centros de traballo, non se exerce un control estrito para o seu cumprimento ou cando mesmo se teñen relaxado algunhas das medidas adoptadas con anterioridade, como ás relativas ás persoas especialmente sensíbeis.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que os termos nos que se prorroga o estado de alarma "afondan na insuficiencia e inxustiza das medidas aprobadas, obrigando as traballadoras e traballadores a volver ao seu posto, mais sen mellorar a definición das medidas de protección nin garantir a súa saúde".

Carril lembra que nestas últimas dúas semanas nos sectores en activo non se adoptaron os mecanismos precisos para corrixir as deficiencias nesta materia: non se aplican os protocolos de actuación ante os contaxios confirmados, non se garanten as distancias de seguridade, non se entregan os EPIs adecuados nin se dan en número suficiente, hai un desleixo absoluto na protección das traballadoras/es especialmente sensíbeis, etc.

Esta falta de seguridade resulta evidente en sectores como a sanidade, as residencias de maiores, axuda no fogar ou o  comercio de alimentación, onde se están rexistrando os maiores índices de positivos e onde "os abusos patronais están á orde do día, cunha total falta de control e de esixencia por parte das Administracións". Unha inseguridade para quen traballa, denuncia Carril,  que se agravará co reinicio da actividade sen ter corrixido esta situación previamente.

"Ao tempo comprobamos como o goberno segue a improvisar e mesmo se contradí nas últimas recomendacións/decisións sobre as indicacións de como ir traballar, pois non se corresponden as declaracións que realiza o ministro de Sanidade cos textos lexislativos e as guías de boas prácticas publicadas", salienta.

A sáude antes que o interese do capital

A central sindical vén reclamando dende o inicio da crise sanitaria a necesidade de paralizar toda actividade non esencial para garantir o cumprimento do estado de alarma e ao tempo garantir a seguridade e a saúde de toda as persoas. Para lograr isto, a CIG propuxo que, fronte as erráticas medidas que se foron adoptando, se recoñecera o dereito das traballadoras e traballadores a un permiso retribuído por deber inescusábel e se articulara un fondo público de compensación para as empresas.

Deste xeito, non só se garantía a paralización da actividade non esencial, senón que se tería evitado a gravísima situación na que se atopan milleiros de traballadores/as incluídos/as nos ERTEs e que a día de hoxe están sen cobrar e sen certeza de cando poderán percibir a súa prestación por desemprego, debido ao colapso no que se atopan as oficinas do SEPE, incapaces de tramitar en tempo os milleiros de expedientes presentados.  

"As actuacións do goberno, que antepón o interese do capital fronte á saúde, facilita os abusos patronais e está provocando que a crise sanitaria, laboral e económica golpee de cheo á clase traballadora", sentenza.