A CIG denuncia que seguimos sen respostas para afrontar o golpe á Pesca galega, que ameaza milleiros de empregos

A central sindical reclama unha Mesa de administracións, sindicatos e asociacións de armadores “en defensa da nosa flota, da nosa pesca e do noso futuro”
Nacional - 08 Out 2022

Unha representación da CIG participou, a última hora desta tarde, na concentración que tivo lugar en Ribeira a poucas horas da entrada en vigor do veto da UE para á pesca de fondo. Unha mobilización na o secretario xeral, Paulo Carril, denunciou que “seguimos sen ter respostas, nin solucións para evitar este duro golpe para a flota galega, que ameaza a milleiros de empregos e ten un efecto devastador para comarcas enteiras de Galiza”.

Carril urxiu a que se poña fin a este veto e “se dea resposta ao clamor unánime da sociedade galega contra esta decisión da Comisión Europea e, no seu caso, se aproben compensacións para todos os afectados, impedindo que esta imposición de cese de actividade nos leve, antes ou despois, ao desguace da nosa flota, mentres non chegan os resultados da presentación dos recursos de anulación contra esta decisión da Comisión”.

O secretario xeral da CIG lamentou as últimas informacións e cruces de declaracións entre o Ministro de Pesca e a Comisión europea, que considerou “un claro exemplo da irresponsabilidade dos Gobernos e da UE aos que non lles importa a flota pesqueira e que só aportan máis confusión e incerteza ao alcance deste veto”.

Por iso criticou os chamamentos á unidade que fan algúns responsábeis dos Gobernos porque “só se quedan en simples declaracións que non se acompañan de feitos reais”.

Neste sentido subliñou que desde a CIG “seguimos  a defender e reiteramos a petición, como fixemos a comezos desta pasada semana, de facer unha verdadeira fronte común para levar adiante unha ofensiva xudicial, institucional e mobilizadora ante este veto da UE”.

Segundo Carril o Ministerio de Pesca e a consellaría do Mar “xa están tardando en tomar a iniciativa para a constitución dunha Mesa Única na que estean representadas todas as Administracións, os sindicatos e as asociacións de armadores para abordar toda esta situación; na coordinación dos recursos legais a interpor; nas medidas suspensivas a reclamar para paralizar a aplicación deste veto; nas medidas políticas e institucionais que os Gobernos deberán demandar ante a UE, pero especialmente en como afrontar todo o tempo que temos por diante até non conseguir deixar sen efecto  o veto á nosa pesca”.

En calquera caso, avanzou en que, desde a CIG “estamos nos traballos de preparación do recurso que presentaremos ante o TXUE por esta decisión da UE, agardando que a Xunta de Galiza faga o mesmo, xa que ten lexitimación legal para facelo”.

O secretario xeral da CIG concluíu chamando a unha mobilización de País “en defensa da nosa flota, da nosa pesca e do noso futuro”.