A CIG denuncia sobrecarga laboral na residencia de maiores de Viana do Bolo
A CIG de Verín-A Limia denuncia a situación “insostíbel” que se está a vivir na residencia de persoas maiores da Fundación Valdegodos en Viana do Bolo pola sobrecarga laboral que padecen as persoas traballadoras e a “desidia” da encargada de persoal, que se nega a negociar co comité de empresa os cambios en concepto de permisos e cuadrantes.
Dende a central sindical sinalan que esta actitude supón un incumprimento da normativa vixente, que obriga os responsábeis da compañía a informar e negociar coa representación legal das persoas traballadoras todos os cambios en concepto de permisos e cuadrantes, así como a abordar a situación de sobrecarga laboral. “Consideramos absolutamente inaceptábel que un centro destas características se negue a reunir co comité sen dar nin explicacións”, lamentan na CIG.
A situación está a provocar sobrecarga laboral nunha parte das persoas traballadoras pola realización das quenda de noite, ao que se lle suman os impedimentos á hora de solicitar concrecións horarias por coidados de crianzas menores. En consecuencia, medra o malestar entre o cadro de persoal “por favorecer os de sempre en detrimento do resto”.
A CIG xa lle requiriu á dirección do centro en varias ocasións para manter xuntanzas organizativas, “pero sempre nos atopamos coa negativa empresarial”. Polo que de non producirse unha solución a curto prazo a central sindical emprenderá accións legais para esixir responsabilidades e solicitará o amparo da Consellaría de Política Social.