A CIG denuncia un novo accidente laboral grave na área de Vigo por falta de seguridade

Trasladoulle o sucedido á Inspección de Traballo para que abra unha investigación e se garanta o cumprimento da lexislación
Vigo - 09 Mai 2024

A FGAMT-CIG de Vigo deu conta hoxe dun novo accidente laboral grave acontecido onte na parroquia redondelá de Chapela no que resultou ferido un traballador da empresa Cesmar que se atopaba facendo labores de descarga nas instalacións de Frialia (antiga Frioya). A central sindical trasladoulle o acontecido á Inspección de Traballo para que abra unha investigación e se garanta o cumprimento da lexislación en materia de seguridade.

O suceso tivo lugar entre ás 11:30 horas e ás 12:00 horas, cando o operario se precipitou dende unha altura de 4-5 metros no interior da adega do barco ‘Frío Marathon’ cando facía uso dunha escaleira inadecuada, polo que dende a CIG consideran que o accidente se puido evitar se se contasen coas medidas de seguridade oportunas. O afectado tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro debido á gravidade das feridas que presentaba, atopándose dende onte ingresado na UCI.

A central sindical procedeu na mesma tarde de onte a presentar unha denuncia na Inspección esixindo a apertura dunha investigación para esclarecer o ocorrido e esixir o cumprimento da lexislación en materia de seguridade laboral. “É preciso diante da gravidade da problemática dos accidentes laborais, que xa se cobraron 13 vidas no que vai de ano no conxunto do país, 11 delas na provincia de Pontevedra”, sinalan.

Ademais consideran imprescindíbel que se depuren responsabilidades, xa que “os accidentes laborais teñen responsábeis: por unha parte a patronal, ao non aplicar a lexislación vixente nin cumprir as normas de seguridade e mantendo unhas condicións de precariedade co único obxectivo de aumentar o beneficio das súas empresas”. E pola outra a propia Administración pública, “que mira para outro lado”; como é o caso da autoridade laboral, “xa que a pesar de que é certo que conta con menos medios para desenvolver o seu labor con eficacia, os que ten tampouco os utiliza”.