• Nova

A CIG denunciara en 2017 irregularidades na residencia da terceira idade de Pazos expedientada agora por malos tratos

Convoca unha protesta pola dignidade das persoas residentes e do persoal traballador do centro o luns 6 de xuño ás 11:30 horas
Pazos de Borbén - 24 Mai 2022

A CIG-Servizos xa denunciara en 2017 irregularidades tan graves como sobreocupación na residencia da terceira idade Mi Casa de Pazos de Borbén, que vén de ser expedientada agora por malos tratos a residentes. A central ten convocada unha mobilización pola dignidade das persoas residentes e do persoal do centro propiedade da ex presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra Lucía Pedroso o vindeiro luns 6 de xuño ás 11:30 horas, protesta coa que tamén se reclama a dimisión da conselleira de Política Social, Fabiola García.

A raíz daquela denuncia da CIG a Consellaría de Política Social abríralle un expediente á residencia por sobreocupación, xa que tiña un total de 63 residentes cando unicamente contaba con 58 prazas, 22 delas subvencionadas pola Xunta. A irregularidade fora constada pola propia Garda Civil, que acudira ao centro a instancias da inspectora autonómica e atopara cinco persoas maiores agochadas no interior dun galpón. 

Mi Casa é propiedade de Lucía Pedroso, ex presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra vinculada a altos cargos do PP na Xunta

Agora as deficiencias desta residencia volven saír á luz tras as denuncias feitas públicas por malos tratos, falta de atención e de persoal e numerosas deficiencias. “A Consellaría é coñecedora das irregularidades detectadas no centro, dándolles cobertura con informes que omiten a realidade do que alí acontece e as infraccións en materia de salubridade, alimentación, medicación e trato ás persoas residentes”, censura Pedro Pérez, membro da executiva comarcal da CIG-Servizos de Vigo.

O feito de que a propietaria de Mi Casa, Lucía Pedroso, fose no seu día presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra e manteña vinculacións con altos cargos do PP na Xunta leva o responsábel sindical a preguntarse se existe un trato do favor por parte da Administración autonómica cara a esta persoas e ás súas empresas. Xa que ademais de contar con esta residencia xestiona outras empresas de axuda no fogar que prestan servizo para distintos Concellos e cuxos contratos foron rescindidos por impagos ao persoal, como aconteceu en Silleda ou na propio Pazos de Borbén.

Clausura da residencia

Pérez explica que a CIG ten presentadas denuncias diante da Inspección de Traballo polas irregularidades detectadas en Mi Casa contra as traballadoras/es, “polo que agardamos que as accións inspectoras tomen as medidas correctoras e sancionadoras correspondentes”. A central sindical tamén puxo o tema en coñecemento da propia Consellería de Política Social e insta o departamento autonómico a garantir que se corrixan todas as deficiencias ou en caso contrario a clausurar a residencia.

“Na CIG non podemos quedar impasíbeis ante este tipo de tropelías que só buscan facer negocia cos nosos maiores, polo que nos mobilizaremos diante da empresa esixindo un trato digno tanto aos residentes como ao persoal traballador”, remata.