A CIG denunciará os servizos mínimos impostos pola Confraría do Grove por vulnerar o dereito á folga

A dirección argumenta que se trata dun servizo público esencial

O Grove -

A CIG anunciou hoxe que denunciará no Xulgado os servizos mínimos impostos pola Confraría de Pescadores San Martiño do Grove porque vulneran o dereito fundamental de folga. A dirección do pósito argumentou que se trata dun servizo público esencial para obrigar a traballar o persoal de vixilancia, das oficinas e da lonxa.

Dende a central lembran que o pasado día 28 xa contestaran a un comunicado da confraría grovense no que sostiñan esta afirmación “no sentido de que nós entendemos que o pósito non presta un servizo imprescindíbel”. 

No caso de que a dirección non recolla por escrito a proposta de abordar a suba de soldos convocarán novas protestas

Posteriormente, a dirección da confraría convocou unha xuntanza, que se celebrou onte a última hora da tarde, na que a representación da CIG ratificou a xornada de folga convocada hoxe para reclamar melloras laborais tras máis dunha década de conxelación salarial e dende o pósito reafirmáronse na imposición dos servizos mínimos.

Despois da reunión a central púxose en contacto cos traballadores/as e aconselloulles que cumpriran os servizos mínimos, algo que finalmente optaron por facer. Con todo, a convocatoria de folga seguiu adiante.

Melloras laborais

En canto ás melloras laborais que reclama o persoal, a dirección do pósito asegurou que neste ano perdeu o remanente económico acumulado en exercicios anteriores, “polo que lles solicitamos que fixesen unha proposta”. A saída que ofrece a confraría pasa por manter este ano as actuais condicións laborais e comprométese a non presentar ERE nin ERTE nin a facer despidos.

E a final de ano, unha vez se coñeza a conta de resultados, abordaríase a posibilidade de incrementar os salarios. “Nós pedímoslle que fose en base ao IPC, pero prefiren outro factor relacionado co volume de negocia (ventas ou facturación); sexa cal sexa o mecanismo que se escola, ten que ser facilmente comprobábel polos/as traballadores/as”, indican dende a CIG.

Esta proposta foille trasladada o cadro de persoal coincidindo coa xornada de folga de hoxe. “O que queren é que se recolla por escrito, polo que nos comprometemos a redactala e a presentarlla á confraría”. Acto seguido abrirán un prazo para que o pósito asine, xa que do contrario convocarán novas mobilizacións.

Volver