A CIG desprega unha faixa na catedral de Ourense para esixirlle ao bispo o cese do acoso no asilo do Carballiño

A central ocupara o Bispado para reclamar unha reunión co seu responsábel e presidente da Fundación que xestiona o centro
Ourense - 22 Xul 2022

Varios membros da Unión Comarcal da CIG de Ourense despregaron esta mañá unha faixa nunha das varandas da catedral para esixir o cese do acoso laboral e do maltrato ás traballadoras do asilo do Carballiño, que xestiona a Fundación Hermanos Prieto, cuxo padroado preside o bispo ourensán. A central protagonizou hai 10 días unha ocupación simbólica da sede do Bispado para reclamar unha xuntanza co seu máximo responsábel, tras a que anunciara que se en 48 horas non obtiña resposta procedería a intensificar as mobilizacións.

A acción reivindicativa desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas no exterior da catedral e consistiu no despregamento dunha faixa nunha das varandas laterais na que se podía ler “Asilo do Carballiño, acoso e maltrato. Leonardo Lemos, bispo, cómplice”. Durante a protesta, que chamou a atención da veciñanza, berráronse consignas como 'Bispado, o maltrato é pecado', 'Contra o abuso, ningún paso atrás', 'Bispado, nin mires para outro lado' ou 'Bispo, culpábel de acoso e de maltrato'. Ao igual que acontecera na ocupación simbólica do Bispado, a Policía española procedeu a identificar ás persoas participantes.

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, lembra que “o que queremos é manter unha reunión co bispo como empresario, xa que é o presidente do padroado da Fundación que xestiona o asilo, para reclamarlle o cese da política represiva e de acoso laboral que a nova xerencia do centro está a levar a cabo contra as empregadas máis antigas”. Ao mesmo tempo, a central sindical exixe tamén a readmisión das traballadoras despedidas.

Dende a CIG responsabilizan a institución relixiosa do que está a acontecer, como máximo responsábel do padroado da Fundación, e ao Concello do Carballiño por permitir esta situación “e abrir así o camiño ao despido das traballadoras con maior antigüidade, contribuíndo a transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico”.

Acoso, ameazas e coaccións

Denuncian que a nova xerencia do asilo está a levar a cabo unha política “implacábel” de acoso e de represalia cara as traballadoras máis antigas, chegando a despedir a varias delas polo feito de reclamar os seus dereitos. “Acusamos a dirección de menosprezos e coaccións ás empregadas, e reclamámoslle que cese nesta práctica e que non ameace, nin coaccione, nin despida polo feito de defender os dereitos”.

As empregadas levan tempo facendo público que o persoal con 20, 30 e até 40 anos de antigüidade na empresa vese na na obriga de alzar a voz porque “en pleno século XXI os menosprezos e as coaccións ás persoas traballadoras deberan de estar abolidos”, ao tempo que esixen respecto por enriba de calquera interese económico.

“Reivindicamos que se nos trate con respecto nos nosos postos de traballo, que nos se nos ameace nin se nos despida por defender os nosos dereitos laborais”. Como consecuencia da actitude da xerencia na actualidade hai xa máis de seis traballadoras que se atopan de baixa por incapacidade temporal, con cadros severos de ansiedade polo trato que reciben a diario.