A CIG diante das eleccións xerais ao Parlamento español do 28 de abril

Declaración Institucional

Nacional -

O vindeiro domingo 28 de abril están convocadas eleccións xerais, unhas eleccións de importancia para a clase traballadora galega, xa que do goberno e da correlación de forzas que delas saia, así como da representación que Galiza teña no Parlamento español, dependerá que poida darse un cambio real e profundo das políticas executadas con escusa da crise, que tan lesivas teñen sido para Galiza e para a maioría social.

Levamos anos loitando para recuperar os dereitos que foron roubados durante os anos da crise, exixindo a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, e a eliminación de leis que se implantaron por parte dos Gobernos españois (do PP ou do PSOE), e que supuxeron un importante retroceso na calidade de vida, nos dereitos laborais e sociais e nas liberdades públicas para as galegas e galegos. Seguimos loitando cada día contra o medre da precariedade e a pobreza laboral, a perda de poder adquisitivo da clase traballadora, as novas formas de explotación que empobrecen e que afondan nas desigualdades, o desmantelamento do sector industrial galego con EREs, peches e deslocalización de empresas... loitamos porque sabemos que a mobilización e o conflito son o camiño para avanzar e conseguir dereitos.

Mais tamén con valentía e sen medo, neste momento temos unha oportunidade para mudar a realidade exercendo o noso voto, e facéndoo conscientes de que só con forzas políticas propias autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas, de teoría e de acción, que defendan os nosos intereses como clase traballadora galega, sen complexos de ningún tipo e sen submisións a Madrid, poderemos asistir aos cambios lexislativos necesarios para podermos recuperar os dereitos e ter un futuro digno na nosa terra. Porque só forzas políticas galegas que de verdade exerzan como tais poden ser determinantes diante do goberno español.

Nesta última lexislatura puidemos confirmar como o PSOE nunca tivo intención de cambiar as políticas que o PP implantou durante a crise. Malia que tivo a oportunidade de derrogar as reformas laborais e das pensións, a lei mordaza ou outras lesivas leis, non o levou a cabo, mantendo vixente a lexislación que tan graves consecuencias trouxo para a nosa clase e o noso pobo, e facendo unicamente dun xeito apresurado pequenos xestos que para nada palían a situación de emerxencia social que está a vivir Galiza.

Diante disto, tampouco o goberno do PP na Xunta ten exercido como tal. Moi pola contra, abdicou das súas funcións como goberno galego, e con Alberto Núñez Feixó á cabeza, agochándose tras un discurso aparentemente crítico co goberno do estado, tense convertido nunha delegación deste, actuando con pasividade ou mesmo aplaudindo as políticas neoliberais que veñen de Madrid. E ten sido, ao mesmo tempo, verdadeiro axente ao servizo das multinacionais e do gran capital, coa súa política de privatización e recortes dos servizos públicos, espoliación dos nosos recursos e renuncia a defender os nosos sectores produtivos e as nosas potencialidades, que como resultado ofrece unha importante perda de emprego e a dramática e constante emigración de miles de persoas mozas deste país cara outros territorios.

Este 28 de abril, temos que ir votar. De igual maneira que as traballadoras e traballadores da Galiza apostamos maioritariamente polo sindicalismo nacionalista e de clase, agora é o momento de tomar a iniciativa e actuar en coherencia coa loita que vimos levando a cabo día tras día, e facelo participando nestas eleccións. Porque temos que combater as políticas neoliberais e filofascistas, sexan implantadas polas forzas políticas da dereita ou por outras, xa que o avance da ultradereita contra o que agora se fai chamamento non deixa de ser consecuencia das políticas levadas a cabo durante estes anos e só mediante o noso voto, seremos quen de levar a Madrid a nosa voz a través de quen estivo e está ao noso lado, ao lado de Galiza, de quen vai defender os nosos dereitos como pobo e como clase.

Do mesmo xeito que a forza da clase traballadora é imprescindíbel para a loita e a mobilización, tamén agora a forza da clase traballadora ten que traducirse nunha representación digna e coherente no Parlamento español. As posibilidades de recuperar e avanzar en dereitos laborais e sociais, van depender de que creamos nas nosas propias capacidades colectivas como clase traballadora e como pobo galego, e se vexan traducidas co noso voto. Fagamos chegar a nosa forza este 28 de abril, a través de quen realmente defende Galiza, os nosos dereitos e os nosos intereses como nación e como clase.

Santiago de Compostela, abril de 2019

EXECUTIVA CONFEDERAL DA CIG

Volver