A CIG diríxese a Feixoo instándoo a abandonar o sectarismo para poder afrontar esta crise co maior entendemento posíbel

A pesar de ser a 1ª forza sindical, a Xunta excluíu a CIG das reunións para abordar as medidas socioeconómicas da desescalada

Nacional -

A CIG dirixiuse por escrito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para rexeitar a exclusión da central nacionalista da rolda de contactos para abordar a situación laboral, económica e social do país no proceso de 'desescalada', a pesar de sermos a primeira forza sindical en número de delegados e delegadas e afiliación En Galiza. No escrito tamén se solicita do Goberno galego que cese nesta actuación sectaria e proceda a convocar unha xuntanza coa CIG na que poder darlle conta das propostas e alternativas da central sindical ante a crise xerada pola emerxencia sanitaria.

Así mesmo, a CIG deu traslado deste proceder aos distintos grupos parlamentares, o que derivou na presentación dunha pregunta oral por parte do BNG á Mesa Permanente do Parlamento inquirindo en base a que criterios democráticos e institucionais exclúe a Xunta á CIG destas reunións.

A seguir reproducimos o contido do escrito remitido ao presidente da Xunta:

Exprésolle a nosa protesta ante a exclusión da CIG  da convocatoria das reunións que este mércores pasado, 13 de maio, tiveron lugar para tratar a situación laboral, económica e social do país no actual proceso de 'desescalada'.

Este feito que vostede protagonizou, de excluírnos desta convocatoria, de actuar negando a nosa existencia como primeira Central Sindical en Galiza, maioritaria, que ten a consideración de máis representativa, constitúe un grave desprezo para milleiros de traballadores e traballadoras do noso País, representantes sindicais de empresas e afiliados/as da nosa Organización.

Esta forma de proceder desacredita ao Presidente da Xunta de Galiza ao constituír unha grave falta de consideración ás mínimas normas de cortesía e respecto institucional. Ademais, por ser profundamente sectarias e antidemocráticas, ao negar a quen temos a condición de Central Sindical máis representativa e primeira forza sindical en Galiza.

Esta actuación demostra pouca vontade de afrontar a grave situación que atravesamos coa intención decidida por construír todos os entendementos e consensos posíbeis, aínda desde as lexítimas diferenzas que poidan existir.

Actuar negando a  existencia da CIG como primeira central sindical en Galiza,  constitúe un grave desprezo para milleiros de traballadores e traballadoras, representantes sindicais e afiliados/as da nosa organización"

 Non son tempos de que o Goberno galego aplique a política do apartheid á CIG, como leva practicando estes anos, nos que por sistema rexeitou as múltiples propostas e ILP masivamente respaldadas que temos presentado. Tampouco resulta aceptábel que se desprecen as propostas socioeconómicas e laborais que a nosa Central Sindical ten elaboradas para afrontar o proceso de retorno á actividade e as problemáticas existentes na crise que atravesamos en Galiza derivada da emerxencia sanitaria.

A decisión da CIG de non participar no denominado «Diálogo Social en Galicia» responde a unha decisión soberana desta organización, tomada en uso da súa liberdade sindical, e non pode ter máis consecuencias que as inherentes a aquel proceso, do cal non se deriva que poida vostede vulnerar gravemente os nosos dereitos de participación institucional e dispensarnos un trato discriminatorio como represalia pola adopción de decisións sindicais lexítimas.

Preocúpanos que neste camiño de exclusión á CIG, o seu Goberno tamén teña amosado un absoluto desprezo polas institucións públicas galegas, acordando a creación dun "comité de expertos" para deseñar unha saída á crise, cando xa existen institucións galegas coas funcións legalmente estabelecidas como organismos consultivos, como son o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), e no que participan axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil de acordo a súa representatividade.

Dada a gravidade tanto dos feitos expostos como das consecuencias que deles poden derivarse, reiteramos a nosa solicitude de que cesen nestas actuacións, e procedan a nos convocar a unha reunión, na data e hora da súa conveniencia.

Agardando a súa resposta, reciba un saúdo.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG

Volver