• Nova

A CIG do Baixo Miño reelixe por unanimidade a Serafín Fernández como secretario da Unión Local

A III Asemblea tamén aprobou o Informe de Xestión e renovou a Executiva co 100% dos votos a favor
Baixo Miño - 17 Xul 2017

A CIG do Baixo Miño reelexiu este venres a Serafín Fernández como secretario da Unión Local por unanimidade na III Asemblea celebrada no Rosal. No encontro, no que participaron 37 delegados/as, tamén se aprobou o Informe de Xestión e se renovou a Executiva como 100% dos votos a favor.

A III Asemblea da Unión Local da CIG do Baixo Miño reelixiu como secretario a Fin Fernández con 36 votos a favor dos 36 emitidos, mentres que o Informe de Xestión, que resume a actividade do sindicato na comarca nos últimos catro anos, e a nova Executiva foron ratificados con 37 votos favorábeis dos 37 emitidos.

O secretario comarcal da CIG de Vigo foi o encargado de pechar un encontro que tivo lugar no Restaurante Juan do Rosal a partir das 19.00 horas e no que participaron 37 delegados/as. Alberto Gonçalves salientou que a celebración da III Asemblea marca a consolidación da CIG no Baixo Miño e fixo fincapé na importancia de que a central se atope presente en todos os conflitos laborais.

Pola súa banda, o secretario da Unión Local repasou a principal actividade do sindicato nestes últimos catro anos, con especial mención ao conflito aberto no centro educativo San Xerome Emiliani da Guarda. Ademais, destacou o incremento da afiliación nun 7% e “o bo traballo feito pola asesoría xurídica”. O acto pechouse coa interpretación do Himno galego.

Composición da nova Executiva

-Serafín Fernández.

-Natalia Lomba.

-Olga Orduña.

-Adelino Rivero.

-Javier Vicente.

-Serafín de la Fuente.

-Sergio Guiomar.