A CIG duplica a súa representación no comité de empresa de Frigolouro

A central pasa de dous a catro delegados/as nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar
O Porriño - 03 Xun 2019

A FGAMT-CIG duplicou a súa representación no comité de Frigolouro, empresa do sector cárnico con sede no Porriño e pertencente ao grupo ourensán Coren, ao pasar de dous a catro delegados/as nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar.

A central logrou os catro representantes no colexio de especialistas grazas aos 114 votos que sumou. No colexio de técnicos/as e administrativos/as escollíanse tres delegados/as, que foron para o sindicato STIF (86 votos).

A representación no colexio de especialistas complétana os catro delegados/as obtidos/as polo STIF, que sumou 144 votos, os catro de CCOO (128 votos) e os dous da UGT (54 votos).

Dende a FGAMT-CIG agradecen a confianza depositada polos/as traballadores/as na súa candidatura e salientan que o cadro de persoal de Frigolouro soubo valorar o intenso traballo desenvolvido pola central en defensa dos dereitos laborais dos empregados/as da falsa cooperativa Servicarne, que desenvolven o seu labor nas instalacións de Frigolouro.