A CIG e a CGTP-IN apostan por confrontar as políticas neoliberais da UE e dos Gobernos que empobrecen a clase traballadora

As principais centrais de Galiza e de Portugal mantiveron xuntanzas de traballo no Porto 
Nacional - 20 Xul 2022

Delegacións da CIG, o principal sindicato galego, e da CGTP-IN, o principal sindicato portugués, mantiveron varias xuntanzas de traballo ao longo de dous días na cidade do Porto no marco do protocolo de colaboración asinado polas dúas organizacións en 2018, nas que coincidiron na necesidade de confrontar as políticas neoliberais que están a impoñer a Unión Europea e os Gobernos español e portugués e que afondan no empobrecemento e na perda de dereitos laborais e sociais da clase traballadora de ambos os dous países.

Na primeira xornada, que tivo lugar onte, participaron responsábeis das federacións de Industria, Construción e FGAMT (Pesca e Transportes) xunto ao secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, e o responsábel da União de Sindicatos do Porto. Ao remate do encontro os sindicalistas galegos participaron nunha asemblea de traballadores/as de CaetanoBus e puideron coñecer de primeira man o proceso de loita que están a desenvolver.

No día de hoxe tivo lugar unha reunión ao máximo nivel entre os responsábeis das dúas centrais sindicais, co secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria xeral da CGTP-IN, Isabel Camarinha, á cabeza, na que tamén participaron por parte da CIG os secretarios/as confederais de Organización, Susana Méndez, e de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío, ademais do responsábel do departamento de Internacional e Cooperación, Xosé Lois Rivera, e do secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves.

Estas xornadas de traballo enmárcanse no protocolo de colaboración conxunto asinado por ambas organizacións en 2018 co obxectivo de “facer posíbel que a dignificación das condicións de vida da clase traballadora sexa unha realidade a un lado e a outro da fronteira”, en palabras do secretario xeral da CIG. Dende entón ambas organizacións mantiveron distintas xuntanzas para abordar as problemáticas laborais que padecen moitas das persoas traballadoras que cruzan a fronteira galego-portuguesa.

Accións conxuntas

Mais nesta ocasión a CIG e a CGTP-IN aproveitaron tamén para poñer en común as análises sobre a situación de grave crise económica que atravesan os dous países e a necesidade de confrontar as políticas neoliberais que están a impoñer a Unión Europea e os Gobernos dos dous países.

Ao tempo que abordaron cuestións relativas á posibilidade de desenvolver accións conxuntas no ámbito internacional a través da Organización Internacional do Traballo (OIT) e da Comunidade Sindical dos Países en Lingua Portuguesa (CSPLP).