A CIG e CCOO instan a patronal do metal da Coruña a concretar un calendario áxil de reunións para negociar o novo convenio
As federacións de industria de CIG e CCOO instan a patronal do metal da provincia da Coruña a elaborar un calendario de reunións áxil e a ter vontade negociadora real para resolver o convenio da siderometalúrxica no menor prazo posíbel, e que as persoas traballadoras vexan actualizados e mellorados os seus dereitos e salarios sen demora.
Ambas centrais sindicais queren manifestar o seu malestar pola falta de avances e acusan a patronal de dilatar sen motivo o proceso negociador, prexudicando con esta decisión ao conxunto das traballadoras e traballadores do sector. Tanto CIG como CCOO cualifican de auténtico despropósito a proposta de calendario trasladada no día de onte pola patronal, xa que incumpre o seu compromiso de marcar dúas reunións no calendario de maneira pronta, adiando esta segunda reunión até o 6 de maio, cando non existe ningún impedimento para convocala antes desa data.
Dende que se constituíu a mesa negociadora, en novembro de 2025, e a pesares da insistencia das centrais sindicais, tan só tiveron lugar cinco xuntanzas entre as partes, e neste momento, a piques de rematar marzo, non se avanzou na negociación de ningún punto da táboa reivindicativa presentada por CIG e CCOO.
Ao contrario, a patronal estivo evidenciando que non ten vontade real de negociar nin interese por acadar un acordo de convenio no curto prazo, deixando as xuntanzas sen contido práctico.
Se a patronal teima na súa postura de bloqueo e non atende a petición para fixar un calendario de xuntanzas áxil e con vontade negociadora real, a CIG e CCOO iniciarán mobilizacións, advertindo que non tolerarán demoras inxustificadas nin manobras dilatorias como as postas en práctica pola patronal de Pontevedra.