Arredor de 200 veciños e veciñas de Celeiro mobilízanse coa CIG contra o peche da oficina de Abanca

A entidade segue suprimindo centros e restrinxe horarios e servizos nas oficinas que quedan abertas
Celeiro - 01 Mar 2021

A sección sindical da CIG en Abanca realizou unha concentración esta mañá contra o peche da oficina de Celeiro na que participaron arredor de 200 veciños e veciñas que reclamaron non quedar sen servizos, neste caso financeiros. Abanca está pechando oficinas e restrinxindo os horarios e as operacións que a clientela pode realizar nos centros que quedan abertos, obrigándolles a facer longas colas e esperas xa que as oficinas están sobrecargadas.  

Esta nova vaga de peches, explican dende a sección sindical da CIG en Abanca, afecta tanto a centros de traballo do rural coma en barrios das cidades galegas. Ademais, vai acompañada dunha restrición dos horarios de servizo, pois só se atende á clientela de 8 a 11 da mañá (medida que puxeron en marcha os bancos conxuntamente) e está cun proceso de baleirado das oficinas a través dunha dixitalización da clientela que sen ser plenamente consciente está sendo traspasada para ser atendida a distancia.

"Estes peches son a punta do iceberg, detrás veñen máis e trátase de centros de traballo rendíbeis, que dan emprego e servizo", advirten. Pechan nunha fuxida cara a adiante nun modelo bancario que dende a CIG-Abanca definen como “vender as rodas para mercar gasolina, á procura de beneficio a curto prazo, colle o diñeiro e corre”.

Recorte de servizos e oficinas sobrecargadas

Pero este proceso ten gravísimas repercusións para a cohesión territorial e social e para o emprego. "Un barrio ou un pobo, coma Celeiro, que perde os seus servizos é un pobo que está condenado", alertan, pondo a atención no feito de que a clientela se verá forzada a realizar desprazamentos para recibir servizos financeiros, en oficinas sobrecargadas e ateigadas, o que leva a agardar longas colas.

“Coa privatización das Caixas  a clientela paga máis por peores servizos”, din dende a CIG-Abanca, e denuncian que “ese encarecemento dos servizos, o peche e a dixitalización provocan exclusión financeira e cada vez máis amplos sectores da poboación”.

A concentración dun gran número de clientes e clientas en centros, que conscientemente teñen pouca capacidade de dar servizo, é unha estratexia que as empresas están utilizando para modificar os hábitos de consumo orientando cara ao autoservizo e o consumo on-line. “A clientela vese forzada a desprazarse e a aturar colas innecesarias, para que se aburra e recorra á banca por internet” subliñan dende a CIG-Abanca.