A CIG e o persoal do GES de Guitiriz pedirán reunións cos grupos políticos ante o anuncio dun ERE

A central advirte que este expediente provocará unha nova xudicialización da política laboral do Concello

Guitiriz -

Diante das novas chegadas este mércores á CIG de que a alcaldesa de Guitiriz vén de asinar un decreto de inicio dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para o persoal do GES, a central sindical porase en contacto cos candidatos e candidatas dos grupos políticos para solicitarlles unha entrevista, "posto que entendemos que a efectivización deste ERE no momento actual non procede por distintos motivos".

Dentro destes motivos, explica o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, atópanse os seguintes:

1.    O anuncio da aplicación deste ERE amosa claramente a mala fe da actual alcaldesa, quen no mes de xaneiro se cansou de dicir que non ía facer ningún ERE, senón un ERTE, e que a temporalidade do expediente sería até que outro concello acollera a sede do grupo de emerxencias. "A mala fe da alcaldesa constatase claramente cando despois de que se lle teña advertido da ilegalidade do ERTE, continúe coa aplicación do mesmo, deixando ademais os traballadores e traballadoras afectadas nunha situación de precariedade e indefensión despois que desde o SEPE se lles denegara o dereito á prestación debido á nulidade da medida adoptada".

O Concello de Guitiriz debe solicitar a súa inclusión de novo como sede do GES, normalizar as relacións cos traballadores/as e completar o cadro de persoal mediante un proceso público de selección"

 2.    Desde a CIG enténdese que a aplicación dun ERE non é a solución ao problema, senón que só provocará unha nova xudicialización da política laboral e suporá, unha vez máis, importantes prexuízos para o Concello, deixando hipotecada neste aspecto á nova corporación.

3.    Desde a CIG considérase tamén que o Concello de Guitiriz debe solicitar a súa inclusión de novo como sede dos GES, volver á normalidade coas obrigas dos/as membros deste e completar o cadro de persoal mediante un proceso público de selección. Neste senso, Neto subliña que "non é de recibo que o Concello estea a gastar indefinidamente cartos de todos e todas as veciñas de Guitiriz para que un servizo de emerxencias non funcione". Un servizo que ademais ten os seus custos laborais subvencionados ao 100% entre a Xunta de Galiza e a Deputación Provincial.

Entendendo pois que de levarse adiante a execución do ERE, as consecuencias da medida van recaer sobre o futuro goberno municipal, "desde a CIG solicitaremos unha entrevista aos e ás candidatas á Alcaldía de Guitiriz para poder expoñerlle a situación do GES e cales son ao noso entender os problemas que levaron á situación actual. Esperamos que se presten a recibirnos, algo ao que por certo se negou sempre a actual alcaldesa".

Volver