A CIG e resto de sindicatos anuncian mobilizacións conxuntas contra o ERE no BBVA o 10 de Maio

O sindicato, maioritario na entidade en Galiza, chama a participación de todo o persoal
Nacional - 03 Mai 2021

As organizacións sindicais con presenza na mesa de negociación do ERE do BBVA acordan convocar unha mobilización conxunta para o vindeiro día 10 de maio. A CIG, que é a central sindical maioritaria en Galiza, chama a defender os postos de traballo diante dos despedimentos masivos que prevé a entidade.

Acordouse unha fronte unitaria para dar resposta á ameaza de Despedimento Colectivo que a Dirección do Banco ten formulado para amosarlle á empresa o rexeitamento “unánime ao reaxuste do cadro de persoal, comprometéndonos a defender todos os postos de traballo e a loitar para que non se produza ningún despedimento forzoso”.

Consideran “inadmisible” que un banco como o BBVA, que obtén miles de millóns de beneficios cada ano (acaba de anunciar un beneficio de 1.210 millóns € neste primeiro trimestre) e que se gaba de estar á cabeza de rendibilidade, aumentando ademais as retribucións da alta Dirección de xeito escandaloso, “pretenda que sexamos as traballadoras e os traballadores quen paguemos a súa reestruturación con despedimentos”.

Para facer recuar ao banco convocaron mobilizacións en todo o Estado o vindeiro 10 de maio, ás 18h, para facilitar a participación do persoal ao que fan un chamamento para que se sume ás mesmas.

En Galiza están convocadas catro concentracións diante das oficinas principais da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo.

Con todo, adiantan que a estas seguiranlle outras concentracións, e se a empresa se mantén na mesma posición, advirten que “aumentaremos sen dubidar a intensidade das medidas con paros, folgas e calquera outra medida que consideremos necesaria” porque “non imos a aceptar as medidas vergonzosas de reestruturación que nos propuxeron”.