A CIG é unha forza central na liberación nacional e social

Manuel Mera -

No ano 2018 realizáronse na Galiza 1.361 mobilizacións convocadas polos sindicatos e 561 por grupos de traballadores/as. Trátase de datos de moita importancia xa que reflicten que a conflitividade de base non deveceu senón que medrou, malia que os medios silencien o tema. Ou sexa, a loita de clases mantense máis viva que nunca, cunha media dunhas cinco mobilizacións diarias

 Mais unha vez o vindeiro 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, a CIG vaise manifestar en todas as cidades do país. Faino para lembrar as loitas da clase traballadora, e especificamente as do ano 1972 que engadían á problemática laboral a conquista da democracia. Porén, o mellor xeito de render homenaxe aos loitadores e loitadoras do pasado é que estas mobilizacións teñen como obxectivo dar pasos adiante na xustiza social e na igualdade, daquela o lema escollido: recuperar dereitos para avanzar; na Galiza emprego, salarios e pensións dignas. Non é polo tanto unha convocatoria illada senón continuidade das manifestacións realizadas pola central nacionalista o pasado 30 de xaneiro en todas as cidades galegas enfocada na preocupante situación industrial (centrais térmicas, empresas electro-intensivas, estaleiros, etc), e da mobilización nacional do 3 de decembro en Compostela de delegadas e delegados de toda Galiza.

 Estas accións reivindicativas da CIG son parte dunha campaña prolongada no tempo centrada en tres eixos: derrogar as reformas laborais, das pensións, a Lomce, Lei Mordaza, e o artigo 315.3 do CP; que se manteña e incentive a actividade industrial, consolidando as empresas existentes ou con proxectos alternativos; mellorar as condicións laborais, os salarios, as prestacións por desemprego, as pensións e atención á dependencia, así como os servizos públicos, que se aplique unha fiscalidade xusta, garantir a igualdade de trato no ámbito laboral, para alén do xénero, idade, comarca, sector, etc. Favorecendo un desenvolvemento autocentrado e ecoloxicamente sustentábel.

 Se cadra, ademais de loitar contra a privatización da xestión dos servizos públicos, habería que propoñer a nacionalización de sectores estratéxicos, como a enerxía, banca, telecomunicacións, etc. É importante introducir este debate, especialmente cando se trata de monopolios. Máxime tendo en consideración que o socialismo, nesta etapa histórica, e despois da caída da URSS, só será posíbel construílo gañando o debate sobre a súa eficacia en cuestións concretas, e para iso é esencial acertamos no camiño e nos exemplos prácticos para gañar á maioría a prol deste obxectivo.

 A presión laboral a prol do cuestionamento do sistema é inferior a de hai unha décadas, no que se refire a grandes accións de protesta, por exemplo, temos as folgas xerais na primeira etapa do reaxuste (crise). Agora ben, ao valorar a situación laboral real non se pode ignorar que a conflitividade a nivel de empresa e sector mantense moi forte e mesmo medrou. As mobilizacións de todo tipo, segundo cifras oficiais, dobráronse en número a partir do ano 2012. Concretamente no ano 2018 realizáronse na Galiza 1.361 mobilizacións convocadas polos sindicatos e 561 por grupos de traballadores/as. Trátase de datos de moita importancia xa que reflicten que a conflitividade de base non deveceu senón que medrou, malia que os medios silencien o tema. Ou sexa, a loita de clases mantense máis viva que nunca, cunha media dunhas cinco mobilizacións diarias.

 Polo tanto a cuestión a resolver está fundamentalmente en converter a resposta da fábrica e sector en mobilizacións masivas, con obxectivos que cuestionen o capital e o carácter subalterno (colonial) da nación galega. Evidentemente non todo os momentos son iguais, e a postura desmobilizadora de CCOO e UGT, a actitude entreguista dos partidos “progresistas”, o cerco informativo, a hexemonía do relato do capitalismo, e a instalación dun discurso que todo o baseaba na rápida conquista do poder a través do voto e a inmediata superación do modelo explotador (“a conquista do ceo”), frearon a mobilización. Nuns casos fixérono mediante a renuncia, o derrotismo, medidas represivas e unha lexislación regresiva, noutros con respostas infantís que ignoraban a correlación de forzas e os mecanismos de control e represivos do sistema. Este último camiño xa amosou seus límites e hipotecas, e debería ser un atranco menos na socialización e debate de alternativas liberadoras.

 Sen dúbida un aspecto fundamental, ademais de manter as mobilizacións que superen o marco da empresa, do sector e da localidade, está en fortalecer a organización sindical. Neste aspecto é un salto cualitativo moi importante, histórico, que a CIG acadase nas eleccións sindicais 4.548 delegados e delegadas, converténdose na primeira central sindical por riba de UGT (3.990) e CC.OO (3.982). Xa o era hai décadas en capacidade mobilizadora e afiliación. Este triunfo coloca claramente á CIG como referente sindical na Galiza; especialmente se, como todo indica, mantén e potencia as mobilizacións político-sindicais como as comentadas ao principio deste artigo.

 Coido que o maior atranco ao que se enfronta a CIG, e a clase traballadora galega, é o cerco e a  terxiversación informativa. De pouco vale que o movemento obreiro estea en loita todos os días, se despois non se socializan os conflitos para coñecemento de toda a sociedade ou cando menos dos seus sectores máis avanzados, no senso máis amplo deste termo. Isto alenta na maioría do povo, dos sectores máis explotados e oprimidos, actitudes derrotistas, desmobilizadoras tanto no social como no político, a menos que lle incida moi directamente. Rachar ese teito de cristal construído polo sistema é unha tarefa principal, así como contrastar e argumentar contra as ideas incorrectas. Trátase de fixar no subconsciente colectivo a realidade sen maquillaxes, os obxectivos a curto, medio e longo prazo, e matizar moito a folla de ruta para conseguilos. Así como definir unha ampla política de alianzas. Isto implica dedicarlle máis recursos á comunicación, á formación de cadros, ao análise e o debate. Evidentemente son tarefas que o sindicalismo nacionalista xa está a realizar. Mais, poderíase dar un salto cualitativo tamén neste tema?... Mais, sen dúbidas, a CIG, como a maior organización de masas do país, é unha forza esencial na liberación nacional e social de Galiza.

 

[Artigo tirado do sitio web do xornal Nós, 9 de marzo de 2020]

Volver