A CIG empraza as forzas nacionalistas e de esquerda a impedir a continuidade da reforma do PP que supón o texto pactado no "diálogo social"

O RD/Lei aprobado no Consello de Ministras/os consolida a precariedade e a centralización das relacións laborais
Nacional - 28 Dec 2021

A CIG empraza as forzas nacionalistas e de esquerdas a emendar na súa totalidade no trámite parlamentario a reforma laboral aprobada este martes no Consello de Ministras e Ministros e non validar co seu voto un "diálogo social" que se ten convertido no enterrador dos dereitos da clase obreira. Porque canto máis se coñece do texto acordado entre o Goberno español, CCOO, UGT e a patronal máis se confirma, como xa denunciamos o pasado 23 de decembro, que non estamos ante a derrogación das reformas anteriores, senón diante da súa actualización para adaptala ás duras e inxustas esixencias da UE para acceder aos fondos Next Generation.

"Esta é unha reforma inxusta que consolida, con novas formas, a precariedade e a centralización das relacións laborais e que non permite, polo tanto, a recuperación dos dereitos roubados nin avanzar na conquista de novos dereitos para a clase traballadora", denuncia o secretario xeral da CIG. 

A reforma de PSOE e Unidas Podemos non permite recuperar dereitos roubados nin avanzar na conquista de novos dereitos 

Paulo Carril advirte que na actual situación de crise económica e industrial que atravesamos, con especial crueza en Galiza, esta reforma afondará no empobrecemento, así como facilitará a destrución do tecido produtivo "ao amparar as decisións empresarias tomadas unilateralmente", como a aplicación dos despedimentos colectivos ou as modificacións substancias das condicións de traballo.

Ataque ao marco galego de relacións laborais

Denuncia que hai un reforzo sen precedentes do marco estatal que cualifica de "ataque frontal" ao marco galego de relacións laborais tanto na negociación colectiva como en calquera outro ámbito do mundo do traballo. "A capacidade de introducir melloras nos convenios provinciais ou galegos verase imposibilitada por esta nova reforma, xa que dende o ámbito estatal poderanse seguir bloqueando as melloras conquistadas nos ámbitos de negociación máis próximos, onde as traballadoras e os traballadores teñen maior capacidade de incidir", alerta Carril.

No relativo ao novo sistema de ERTE, subliña que a patronal terá “carta branca” e flexibilidade total, “máis da que xa tiña, para mandarnos ao desemprego con todas as facilidades, gratis e a conta do nosos salario e a prestación por desemprego”. Con este novo sistema, insiste, teremos “menos salario, máis paro e crearanse menos postos de traballo, xa que a patronal terá na súa man pasarnos ao ERTE con máis facilidade”.

Ademais, constitúe un ataque á liberdade e pluralidade sindical xa que, no texto aprobado, toda a referencia ás xestións destas regulacións temporais queda en mans dos sindicatos estatais, laminando o dereito de representación de miles de traballadoras e traballadores que nos seus respectivos territorios apostan por sindicatos combativos e de contrapoder como a CIG.

A trampa do diálogo social

Xunto a isto, Carril entende que as declaracións do presidente da CEOE asegurando que non van consentir cambios no texto lexislativo durante a tramitación parlamentar, exemplifica a imposibilidade de abordar no diálogo social a derrogación íntegra e real das reformas laborais de 2010 e 2012, mais tamén o carácter profundamente antidemocrático deste marco de negociación, que sen soporte xurídico ningún pretende suplantar os órganos lexislativos, cedendo todo o control en política laboral á patronal. 

Non se pode lexitimar que primeiro se acorde a reforma no diálogo social e logo se diga amén no Congreso

"Durante meses vendéronos que a derrogación da reforma laboral ía chegar da man do diálogo social. Hoxe confírmase a trampa: nin hai derrogación nin tampouco unha lexislación que permita a creación de novos dereitos que fortalezan a clase traballadora nun momento de crise, sobreexplotación e de medre da precariedade".

Por iso, o secretario xeral da CIG reitera o chamado ás forzas nacionalistas e de esquerdas a non avalar co seu voto esta reforma porque "non se pode lexitimar que primeiro se acorde no diálogo social e logo se diga amén no Congreso".

A este respecto, Carril lamenta a renuncia expresa do sindicalismo e da esquerda española a pelexar por outro modelo económico e social e a súa aceptación do neoliberalismo como "a solución", mentres seguen empeorando as condicións de vida das maiorías sociais e "se negan os marcos propios de decisión das nosas relacións laborais".