A CIG en Aluibérica reclama a intervención das administracións para dotar a fábrica de actividade e garantir os empregos

Defenden a declaración do aluminio como sector estratéxico e chaman a continuar na mobilización

A Coruña -

A sección sindical da CIG en Aluibérica reclama dos Gobernos vontade política para acadar unha solución que dea futuro á fábrica de aluminio da Coruña, que ten que pasar, inevitabelmente, por unha intervención das administracións nas plantas e por crear un novo marco regulador da enerxía que faga viábel a produción de aluminio primario coas electrólises en funcionamento. Neste senso, fan un chamamento os traballadores e as traballadoras a continuar coa presión nas rúas para obrigar os Gobernos a actuar e que participen nas mobilizacións que o comité ten convocadas para este sábado, 28 de novembro, e para o próximo xoves, 3 de decembro.

Quedan oito meses para que remate o prazo establecido nas condicións da venda da fábrica, de mantemento do emprego"

A representación da CIG subliña a necesidade de salvar a industria en Galiza, particularmente a fabricación de aluminio, "que debería ser declarado sector estratéxico da economía e ser defendido e protexido como tal".  Porén, denuncian que, fronte ao desmantelamento progresivo das fábricas e a perda de actividade produtiva, nos últimos dous anos tanto o Goberno español como a Xunta "destacaron pola súa incapacidade, inacción e falta de afouteza na busca dunha solución".

E iso a pesar do papel que asumiu o Goberno español no ERE e na posterior venda da fábrica da Coruña, posicionándose como promotor e avalista desta saída. "Resulta inconcibíbel que agora se lave as mans e non tome con determinación e valentía as medidas necesarias para salvagardar este sector".

Oito meses para que rematen as garantías de mantemento de emprego

A este respecto, a sección sindical da CIG lembra que quedan oito meses para que remate o prazo establecido nas condicións da venda da fábrica, de mantemento do emprego. "Se non hai un cambio urxente da situación vemos que existe un risco clarísimo de desaparición e desmantelamento da fábrica, que sumado á grave situación de crise económica que se nos vén enriba derivada da crise sanitaria, situaría as máis de trescentas familias que dependen hoxe directamente da fábrica ao borde do abismo", advirten.

A realidade é que nin o Goberno galego nin o español están a facer nada para impedir os plans de Alcoa e Grupo Riesgo para as fábricas de aluminio"

 Cómpre salientar que, a día de hoxe non hai nada feito con respecto ás promesas de inversión e desenvolvemento dun plan industrial para facer viábel o futuro da empresa, a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo. "A necesaria modernización da fundición, coa implementación de novas tecnoloxías de colada, coa instalación de fornos específicos para a refusión de chatarra, e a formación do persoal nesas novas tecnoloxías, aínda non comezou. Non se puxo nin o primeiro parafuso, nin se iniciou sobre o terreo absolutamente ningunha das inversión prometidas".

Esta situación aínda se tornou máis crítica dende o desembarco na fábrica do Grupo Riesgo en abril pasado, pois das anunciadas inversións millonarias e dos plans de rearranque da electrólise non hai nada, mais si reiterados incumprimentos do convenio colectivo, recortes de dereitos sociais, atrasos e impagos nos salarios, presións ou falta de ocupación efectiva en actividades industriais para dous terzos do persoal.

E ante este panorama, "a triste realidade é que nin o Gobernos do PP en Galiza, nin o Goberno do PSOE e Unidas Podemos en Madrid están a facer nada para impedir os plans de Alcoa e Grupo Riesgo para as fábricas de aluminio". Por iso, reiteran a necesidade de continuar na loita para romper con esta inacción e que as administracións acheguen solucións de futuro para a planta.

Calendario de mobilzacións

O comité de Aluibérica ten acordadas as seguintes mobilizacións nos próximos días:

- Sábado 28 de novembro, ás 11 horas, concentración na oficina Pulpeiro Consulting (Avda. Rubine, 33), en protesta pola súa colaboración e asesoramento no baleirado e desmantelamento da fábrica. Pulpeiro foi o último director da fábrica con Alcoa e agora traballa para o Grupo Riesg.

- Xoves, 3 de decembro, ás 17:30h, concentración en María Pita.

Volver