A sección sindical de XEAL quere denunciar publicamente a actitude da dirección na negociación do convenio colectivo, despois de que na última reunión volvese presentar unha proposta claramente insuficiente e totalmente afastada da realidade económica actual da empresa.
"Lonxe de existir unha vontade real de alcanzar un acordo xusto, a dirección está a optar por unha estratexia de pequenos movementos e propostas limitadas que só contribúen a demorar e bloquear de facto a negociación colectiva, xogando coa boa fe negociadora da parte social, que até o momento está actuando con responsabilidade para evitar un escenario de conflito laboral", critica a sección sindical da CIG.
Rexeitan que a empresa continúa negándose a garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión salarial ligadas ao IPC real, sen incorporar tampouco mecanismos efectivos de recuperación salarial tras anos de perda acumulada. "A última proposta presentada apenas supón avances mínimos e insuficientes, consolidando unha situación de empobrecemento progresivo das persoas traballadoras, que levan máis dunha década asumindo sacrificios mentres a empresa incrementa os seus beneficios", aseveran.
Ademais, a proposta segue a incorporar elementos discriminatorios, ao non garantir que a recuperación do poder adquisitivo sexa para todo o persoal en igualdade de condicións.
A representación da CIG advirte que en vez de recuperar dereitos, "a dirección insiste en manter recortes en condicións laborais impostos en etapas anteriores baixo o pretexto dunha situación económica adversa que hoxe xa non existe. Resulta inaceptábel que se pretenda consolidar esa perda de dereitos cando a realidade económica da empresa é radicalmente distinta".
Perda de emprego e actividade industrial
Lembran que nos últimos anos se destruíron máis de 90 postos de traballo en XEAL, deteriorándose ao mesmo tempo as condicións laborais e os salarios en termos reais. Esta perda continuada de emprego dificulta así mesmo a aplicación efectiva da xubilación parcial e o rexuvenecemento do cadro de persoal mediante contratos de relevo, nunha empresa cunha elevada exposición a riscos laborais e cun evidente desgaste físico das persoas traballadoras. "Non é casualidade que sexa a propia Inspección de Traballo a que recentemente chamase a atención sobre esta situación", apuntan.
Ao tempo que mantén paralizada parte da actividade industrial, a dirección continúa anunciando supostos proxectos e novas liñas produtivas que nunca acaban de concretarse. Para a CIG, estes anuncios "responden máis a unha estratexia propagandística orientada a xustificar a recepción de fondos públicos que a unha verdadeira aposta polo mantemento da actividade industrial e do emprego na comarca".
Mentres tanto, XEAL acumula beneficios millonarios e continúa recibindo importantes recursos públicos sen que exista un control efectivo por parte da Xunta de Galiza para garantir o cumprimento de compromisos industriais e laborais.
"Os recursos naturais da Costa da Morte non poden converterse nun simple negocio especulativo desligado do interese social. As concesións hidroeléctricas e os recursos públicos deben estar vinculados ao mantemento da actividade industrial, do emprego e do desenvolvemento económico da comarca", inciden.
A empresa debe abandonar a postura inmobilista
Por iso, a sección sindical da CIG en XEAL exixe á dirección da empresa que abandone a súa actitude inmobilista e presente unha proposta que garanta:
- A recuperación real do poder adquisitivo para todo o persoal.
- Cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC real.
- A eliminación dos recortes en condicións laborais como as baixas.
- A redución da xornada laboral, especialmente necesaria nunha empresa cunha elevada exposición a riscos laborais e desgaste físico.
- Un compromiso real co mantemento e recuperación do emprego destruído respectando o efectivo dereito a xubilación parcial.
"A representación social continúa apostando pola negociación e pola procura dun acordo xusto. Porén, a dirección da empresa non pode seguir utilizando esa vontade de diálogo para eternizar unha negociación sen avances reais".
A CIG entende que o comité debe convocar a celebración de asembleas de traballadores e traballadoras para valorar e impulsar medidas de mobilización en defensa dos dereitos do persoal, do emprego e do futuro industrial da comarca.