A CIG en XEAL denuncia a parálise na negociación colectiva mentres se perde emprego, dereitos e salarios
A sección sindical da CIG en XEAL advirte da grave situación na que se atopa a negociación colectiva, marcada pola perda continuada de poder adquisitivo, o bloqueo empresarial e un deterioro xeral das condicións laborais. Nas asembleas celebradas estes días para abordar a situación, convocadas tanto pola representación da CIG como polo conxunto do comité, as traballadoras e traballadores amosaron o seu apoio ás reivindicacións expostas e reclamaron de forma clara a recuperación do poder adquisitivo e a sinatura dun convenio digno, tras máis dun ano de negociación sen avances reais.
A sección sindical da CIG subliña que non se está a reclamar “nada excepcional, senón o mantemento do poder adquisitivo, nun contexto sociolaboral no que, tanto no sector do metal como noutras empresas da comarca, os salarios se están a actualizar por riba do IPC ou ligados directamente a este índice, co obxectivo de evitar o empobrecemento das persoas traballadoras”.
Pola contra, denuncian, “nesta empresa estase a avanzar xusto no sentido contrario”. Este deterioro terá repercusións futuras nas pensións, debido á perda de valor real dos salarios, preocupación esta expresamente manifestada polo persoal na asemblea.
Tras máis dun ano de negociación sen resultados, a representación das persoas traballadoras considera esgotada “a vía da boa fe sen contraprestacións por parte da empresa”. Durante este tempo mantívose unha paz social que “só serviu para proxectar unha imaxe irreal da situación do persoal, mentres continúan os recortes e os incumprimentos do convenio, obrigando a recorrer de maneira reiterada á vía xudicial e á Inspección de Traballo para facer valer dereitos xa recollidos no convenio, tanto en materia de condicións laborais e salariais como polos reiterados incumprimentos en medidas básicas de saúde laboral e prevención de riscos”.
A empresa, segundo critica a parte social, mantén unha estratexia baseada no desgaste continuado do persoal, en lugar de crear condicións para un clima laboral favorábel.
Permanente propaganda
Ao mesmo tempo, “XEAL mantense nunha campaña permanente de propaganda e imaxe mediática, convertendo a obriga coa comarca de repercutir os beneficios extraídos da explotación dos recursos naturais en actos de carácter simbólico e asistencial, nos que o único relevante é a foto”. Como exemplo destas actuacións expoñen as visitas institucionais como a do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que a empresa pretende proxectar unha “nova e ilusionante imaxe”, cando a realidade “é que desde que a compañía opera baixo a denominación de XEAL e coa xestión do grupo ENERGO-PRO se perderon máis de 84 postos de traballo”.
A sección sindical da CIG reitera que o único interese real da empresa consiste na explotación dos recursos naturais da comarca e que, “coa complicidade da Xunta de Galiza, pretende incrementar a produción e os beneficios sen respectar o marco concesional nin a vinculación da explotación hidroeléctrica coa produción industrial e a creación de emprego, tal e como estaba establecido”.
Neste sentido, lembran que a sección sindical da CIG ten presentadas alegacións contra o proxecto da central de bombeo reversíbel do monte da Ruña, que a día de hoxe continúan sen resolver.
“A paz social non pode ser sinónimo de perda de dereitos. Negociar non pode significar renderse. Sen o traballo do persoal non hai produción nin beneficios, e eses beneficios teñen que repercutir en salarios dignos e no mantemento do poder adquisitivo”, conclúe a representación da CIG.