A CIG-Ensino anima aos CIFP a demandar desde os claustros melloras para o persoal de FP
A CIG-Ensino anima a todos os CIFP do país a chegar a acordos de claustro semellantes ao acadado polo do CIFP Manuel Antonio, agora que as condicións de traballo do persoal de FP e destes centros está no foco de atención. Parabeniza a este centro, que elevará as súas demandas á consellaría de Educación, pola súa unidade.
As principais reivindicacións que recolle o acordo ratificado polo profesorado o pasado mes de decembro, e que vai en consonancia coas da CIG-Ensino, céntranse na equiparación do horario semanal con respecto aos IES, na democratización do sistema de nomeamento das direccións e nun reaxuste do sistema de calidade que claramente se demostra que, lonxe de favorecer, entorpece a práctica docente, supón unha sobrecarga de traballo inútil e externaliza moitas funcións públicas.
A CIG-Ensino faise eco do acordo do claustro tomado o pasado 22 de decembro de 2022 que nos vén de remitir o profesorado do CIFP Manuel Antonio no que se centran en tres reivindicacións fundamentais para mellorar as condicións de traballo neste tipo de centros:
- Equiparación da xornada laboral (horario máximo lectivo e de permanencia no centro semanal) con respecto ao dos IES. É ben sabido que esta é unha reivindicación histórica do sindicato desde que se configurou a normativa que rexe o funcionamento dos CIFP que consagrou unha discriminación ao implantar a duración dos períodos lectivos en 60 minutos tanto no réxime ordinario como de adultos, o que supón, para unha docente que teña o máximo horario semanal de 20 horas, 4 horas lectivas máis que quen imparte nos centros de secundaria e tamén máis de 4 horas de permanencia no centro no cómputo semanal total.
Neste sentido, a CIG-Ensino coincide en reclamar o mesmo horario para todo o persoal que imparte en Formación Profesional sexa cal sexa a tipoloxía de centro (23 horas de permanencia semanais e períodos lectivos de 50 minutos) e reclama a volta ás 18 horas máximas semanais que tiñamos antes dos recortes aplicados polo goberno do PP.
Nestes intres tan só quedan catro CCAA en todo o Estado co máximo de 20 períodos lectivos. A CIG-Ensino fai súa a proposta expresada polo profesorado do CIFP Manuel Antonio de poder compensar cunha redución total das sesións lectivas se estas se manteñen nos 60 minutos, fixando un cómputo semanal idéntico en todos os centros.
- Democratización da elección dos equipos directivos. En sintonía coas reclamacións da CIG-Ensino o claustro do CIFP Manuel Antonio tamén reclama que se apliquen procesos de elección das direccións de forma democrática e que se elimine a selección “a dedo” da persoa que vai ocupar o cargo de director ou directora para garantir que se cumpran os requisitos de mérito e de capacidade, así como de igualdade e de publicidade, escoitando sempre as propostas que partan dos propios claustros.
- Supresión do sistema de avaliación de calidade. Tamén na liña do que defendeu desde hai ano o sindicato, o profesorado do CIFP Manuel Antonio solicitou á Consellaría en 2016 unha avaliación do Sistema de Xestión de Calidade en relación cos seus fins, obxectivos e repercusión na práctica docente. Ante a calada por resposta o claustro volve insistir en que este sistema se demostrou como mera burocracia inútil e supón unha sobrecarga de traballo para o persoal docente que ve mermado o tempo para preparar as clases, innovar pedagoxicamente, coordinarse e participar en proxectos, á vez que implica unha privatización de moitas funcións que deben ser públicas. Neste sentido a CIG-Ensino coincide en que este sistema debería suprimirse, entre outras razóns porque nos IES a maior parte destas funcións realízaas a inspección, o que amosa a súa total inutilidade.
A maiores destas reivindicacións, o sindicato maioritario no ensino público galego, que vén de entregar 1375 sinaturas pola equiparación salarial de todo o profesorado que imparte en FP, sexa cal sexa a súa titulación e situación administrativa, insta á administración a actuar de forma inmediata ao respecto desta discriminación e a convocar unha mesa de negociación para acadar melloras nas condicións laborais do profesorado que presta servizos nos CIFP.
Desde o sindicato parabenizan o claustro do Manuel Antonio de Vigo por chegar a este acordo, animan a outros claustros a levar a cabo accións semellantes e comprométense a levar estas demandas, tras o respaldo maioritario acadado nas eleccións sindicais de decembro, ante os máximos responsábeis da Consellaría.
Neste sentido, desde a CIG-Ensino insístese en que o conselleiro mova ficha sobre as demandas reais do persoal que traballa na FP en Galiza, plasmadas neste acordo do claustro, e non se limite a gabar as bondades destas ensinanzas como un mero brinde ao sol. Así mesmo, lembra que a campaña pola equiparación salarial segue aberta e pode seguir sumándose o profesorado de FP asinando online nesta ligazón.