• Nova

A CIG-Ensino chama á Consellaría a abandonar a unilateralidade na reforma da ESO e o Bacharelato

Recolleu numerosas queixas de profesorado pola improvisación e os cambios curriculares
Nacional - 29 Abr 2022

O conselleiro de Educación, seguindo fielmente o libro de estilo do PP, leva facendo de oposición do Ministerio de Educación desde que tomou posesión do cargo. Tamén agora coa aplicación dos novos currículos derivados da LOMLOE. É ben certo que determinadas actuacións do Goberno póñenllo moi doado.

En relación cos cambios curriculares para as etapas educativas afectadas polas novidades da LOMLOE (Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato), unha das afirmacións do conselleiro foi a de facer valer o suposto rigor da Consellaría  fronte á lentitude ministerial (afirmando que tiñan todo preparado para cando o Ministerio publicase os Reais Decretos). Porén, nestes momentos vén de evidenciar un alto grao de improvisación ou de desidia que como docentes nos preocupa.

Prazos e incertezas

Os currículos de Infantil e Primaria xa foron revisados na Mesa Sectorial, quedando pendente agora o trámite do Consello Escolar no caso de Primaria, previsto para finais de maio, o que implica que deben estar publicados en xuño. Mais os principais cambios céntrase na educación secundaria, obrigatoria e postobrigatoria; de aí que sexa onde é máis importante coñecer cales son as propostas do goberno galego.

O propio conselleiro xa avanzou que dificilmente estarán aprobados os novos decretos das ensinanzas de secundaria, polo que o primeiro que debería ter feito é consensuar co sector, comezando coa representación sindical do profesorado, como vai artellar legalmente a implantanción dos novos currículos se non existen textos legais aprobados. Nada disto se sabe de momento: tan só se pretendeu “tranquilizar” ás direccións dos centros e ao profesorado para poder ir organizando o curso que vén, algo que dista moito da realidade.

A responsabilidade que debe asumir a Consellaría, en entredito

Neste sentido, a marxe de manobra do goberno galego no que garda relación coa distribución de materias, é moi limitado, centrándose basicamente nas decisións sobre as materias optativas.

Chama a atención, por iso, que o conselleiro fixese pública unha presentación de como será esta distribución na que deixa atrás materias postas en marcha nestes últimos anos, cando só precisarían dunha actualización e ampliación pola ampliación de carga lectiva a catro horas, que se limite a oferta das ensinanzas musicais fóra da modalidade propia do Bacharelato ou que non apareza ningunha referencia ás materias que nos currículos en vigor son de libre configuración dos centros. Medidas todas que son plena competencia da administración galega e nas que non buscou o contraste e consenso antes de dalas a coñecer.

Improvisación? Decisións premeditadas de limitar determinadas ofertas educativas? En todo caso, o que vemos é unilateralidade e imposición. A CIG-Ensino chama ao conselleiro de Educación a rectificar e aclarar todas as dúbidas e temores que creou coa súa presentación pública e advirte de que é precisamente naqueles ámbitos nos que o seu departamento ten plena competencia nos que se están acumulando todos os problemas. O sindicato considera que o momento para poñer en común as intencións da administración galega é antes de presentar o anteproxecto do decreto de currículo, polo que insta ao responsábel da Consellaría a ter unha reunión coas organizacións sindicais previa á tramitación do documento. Do contrario, estaremos novamente diante dun exemplo da política de feitos consumados e de aplicar cambios de costas ao profesorado e á comunidade educativa.

A relixión, fóra da escola

A LOMLOE foi unha nova ocasión perdida para vencer a rémora de contar a día de hoxe coa presenza de ensinanzas doutrinais dentro dos centros educativos. O espazo para o feito relixioso debe estar nos templos e vinculados á esfera persoal e familiar. Isto garantiría realmente ese carácter aconfesional que cita a Constitución e abriría o camiño cara un auténtico ensino laico.

A obriga de ofertar a todo o alumnado a materia de Relixión é unha decisión que permanece, dun ou doutro xeito, despois de todas as reformas, sen tocar o concordato co Vaticano, un acordo preconstitucional.

A nova distribución da materia confesional, con todo, vai limitar os efectos perversos provocados pola LOMCE, ao estar incluída xunto con todas as meterias específicas, condicionado en moitos casos a elección doutras materias. Agora, coa existencia dunha materia espello non curricular, Relixión xa non provocará que alumnado se vexa na obriga de elixila para poder cursar materias do seu interese, como pasaba con Robótica ou Coeducación para o século XX, o que levou á CIG-Ensino a dar apoio legal a unha demanda que foi desestimada.

1º BACHARELATO

Aumenta unha hora a Educación Física, pasando a 3 horas.

Hai novas materias e adaptación doutras nas modalidades de Artes.

Os principais cambios danse nas materias optativas, ámbito competencial da Consellaría, todas cunha carga horaria de 4 sesións

  • Todas as materias optativas amplían horario, pasando de 2 ou 3 a 4 horas.
  • Literatura Galega do Sec XX e a Actualidade pasa de 2º a 1º.
  • Non hai ningunha referencia a materias recentemente implantadas como Coeducación para o século XXI, Literaturas Hispánicas ou Robótica (todas de 2 horas)
  • Desaparece a oferta de materias optativas propias da modalidade de Artes como Historia do Mundo Contemporáneo ou Literatura Universal (ambas de 4 horas)

2º BACHARELATO

Historia da Filosofía perde 1 hora sobre a carga lectiva actual, mais pasa de impartirse con carácter obrigatorio só en Humanidades a estar presente en todas as modalidades.

A modalidade xeral, principal novidade xunto coa segregación en dúas modalidades de Artes, vai ter unha implantanción moi reducida segundo información da propia Consellaría. Incorpora materias novas como Ciencias Xerais ou Movementos Culturais e Artísticos. A Consellaría deberá determinar a atribución destas materias ás diferentes especialidades docentes.

Desparece a posibilidade de ofertar materias de libre configuración do centro.

A Consellaría pretendería tamén eliminar optativas como Ciencias da Terra e o Medio Ambiente, Fundamentos de Administración e Xestión, Imaxe e Son ou Electrotécnia (todas actualmente de 3 horas).

De Patrimonio e Sociedade de Galiza a Xeografía, Historia e Arte de Galiza. Cando o lóxico e normal sería que unha materia como esta fose obrigatoria para todo o alumnado nalgún dos cursos do Bacharelato, o que  atopamos é unha proposta da Consellaría na que pecha a porta á continuidade da materia optativa de Xeografía e Historia de Galiza, algo que para a CIG-Ensino é impresentábel. Segundo informacións xornalísticas a Consellaría tería afirmando que se trata dun erro e que as actuais materias que se crearon á partir da optativa de Xeografía, Historia e Arte de Galiza se fusionarían novamente. Agardemos que esta rectificación se confirme e que, operando con sentido común se evite un novo ataque ao xa limitado coñecemento da nosa realidade histórica, social e cultural.

A ensinanzas musicais, desprezadas

A materia de Música desaparece de todas as modalidades diferentes á propia de Música e Artes Escénicas, pechando a posibilidade de ofertala como optativa en todos os centros agás nos poucos nos que a Xunta autorice o Bacharelato Xeral, unha decisión que a CIG-Ensino rexeita frontalmente, ao considerar que se debe favorecer a oferta como optativa tanto en 1º como en 2º de Bacharelato en todos os centros e modalidades.