A CIG-Ensino concéntrase para denunciar o estado lamentábel dos centros educativos galegos

Durante a protesta, a central tamén exixiu o cese do novo Director Territorial de Educación da Coruña
Nacional - 18 Mar 2026

Ante a situación límite que atravesan numerosísimos centros de ensino público en Galiza, a CIG-Ensino manifestouse na mañá deste mércores nas dependencias da Consellaría de Educación na Coruña, posto que nesta provincia existe un elevado número de centros con importantes deficiencias. Esta problemática xa foi levada á Xunta de Persoal provincial por parte da central sindical, sen que se tomasen medidas máis alá de anunciar plans que nunca se levan a cabo.

As carencias son tan numerosas e a mobilización da comunidade educativa está sendo tan notábel que se fai aínda máis vergoñenta a resposta da administración, que non só amosa a súa desidia senón que por riba transmite, por boca do propio conselleiro de Educación que estamos ante unha situación de "normalidade".

Esta “normalidade” é, na realidade, un escenario de deterioro estrutural e abandono que afecta directamente ao día a día ao alumnado e docentes, e que levou a que en centros como o CIFP Manuel Antonio, o profesorado realizara concentracións e paros na súa xornada laboral.

Urxe incrementar os investimentos nos centros

Pingueiras, instalacións eléctricas obsoletas, deficientes e perigosas, espazos sen uso por graves problemas estruturais, problemas de accesibilidade, sistemas de calefacción obsoletos, falta de illamento térmico,... son algunhas das condicións precarias en que o profesorado de moitísimos centros de ensino galegos se ve obrigado a ‘traballar’ a diario “e son tamén as condicións en que o alumnado ten que recibir unha educación que dista moito de ser de calidade, como tanto lle gusta presumir ao conselleiro de Educación”, criticou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo.

Exixiulle á Xunta que dedique de xeito inmediato o investimento preciso para solucionar as deficiencias estruturais máis urxentes que afectan á seguridade e saúde e que sexa transparente co calendario das obras pendentes xa que os centros ven con indefensión, ademais, a inexistencia de criterios por parte da administración educativa á hora de adxudicar a prioridade nas actuacións de reparación e mellora.

“É necesario un incremento de orzamento para o mantemento de edificios que superan en moitos casos os 40 anos de antigüidade”, aseverou.

Esta mobilización súmase á folga anunciada para o día 28 de abril, na que a CIG-Ensino segue a solicitar reunirse coa Consellaría para negociar unhas melloras reais no sistema educativo galego.

Vergoñento nomeamento do novo director territorial de Educación en A Coruña

A Consellaría vén de nomear ao novo director territorial de Educación na Coruña e a persoal escollida “non pode definir mellor o tratamento que lle está dando o goberno do Partido Popular ao ensino galego: nomea para o cargo a unha persoa que non ten relación algunha co ensino, pero se iso non era suficiente, José Santiago Freire Abeijón, foi investigado polo Fiscalía do Tribunal de contas e o propio presidente da Xunta, Rueda, chegou a dicir que algún dos gastos investigados polo tribunal chamaban a atención”.

Ademais, o novo director territorial é coñecido polas súa apoloxía do franquismo e as súas declaracións contra as mulleres. “Esa vai ser a persoa que dirixa a provincia que conta con máis profesorado, mais alumnado e máis centros educativos e a que xestione a suposta neutralidade ideolóxica que quere impoñer o PP, que en realidade é unha autocensura nos centros”, criticou Arroxo.

Por iso, durante a concentración deste mércores, a CIG-Ensino tamén exixiu que se cese inmediatamente ao xefe territorial e se nomee a unha persoa adecuada para o cargo.