A CIG-Ensino constata un aumento da incerteza entre o profesorado de cara ao vindeiro curso

A central realizou unha enquisa nos centros de Bacharelato e FP
Nacional - 25 Xun 2020

A CIG-Ensino constatou un aumento da incerteza entre o profesorado de cara ao inicio do curso 2020/21 despois de analizar os datos proporcionados polo propios centros en resposta a un cuestionario realizado nos centros que imparten Bacharelato e FP, “logo dunha experiencia totalmente insuficiente pola escasa participación presencial do alumnado, mentres se suceden recomendacións ministeriais e silencio autonómico”.

Dende a central sinalan que o curso rematou en 2º de Bacharelato cunha presenza mínima de alumnado: tan só un 17% do total do alumnado matriculado asistiu ás aulas despois dos primeiros días, evidenciando un descenso moi importante sobre as cifras do primeiro día (25 de maio), que superou o 35% de alumnado de Bacharelato que se presentou nos seus institutos. “Estes datos coinciden coas cifras aportadas pola Consellaría nesa primeira data e que non se actualizaron posteriormente por parte da Administración e agora sabemos o porqué”.

O traballo realizado pola CIG-Ensino, partindo das respostas a un cuestionario online e telefónico, evidencia unha caída do 50% da presenza do alumnado de segundo de Bacharelato en menos de dúas semanas (pasouse do 35% ao 17%) ao tempo que a presenza do alumando de ciclos de FP foi sempre moi minoritaria (non superou o 5% ). 

Debido á escasa presenza de alumnado, o protocolo no ámbito sanitario, organizativo e laboral non pode considerarse testado para o inicio do vindeiro curso escolar

Polo tanto, o protocolo establecido tanto no ámbito sanitario como no organizativo ou laboral non pode considerarse testado de cara ao inicio do vindeiro curso escolar, pois non se puideron detectar todas as posíbeis casuísticas nos centros. O nivel medio de incidencias foi reducido, como é obvio con tan baixa incorporación, mais cómpre destacar determinadas cuestións de cara á necesaria programación do curso escolar 2020/21, do que a estas alturas só se coñece o documento de “recomendacións” publicado polos Ministerios de Educación e Sanidade e sen que a Consellaría de Educación teña formulado ningunha proposta nin moito menos convocada mesa sectorial.

Prevención sanitaria

A maioría dos centros que contestaron ao cuestionario aludiron a diferentes problemáticas no ámbito da prevención sanitaria, sendo a ausencia de EPI ou a propia prevención de riscos as cuestións máis destacadas. É de subliñar que aqueles que indican non ter problemas neste ámbito aseguran, nunha porcentaxe moi alta, que isto se debeu ao esforzo e traballo realizado pola propio equipo directivo e/ou o persoal do centro.

Destacan casos de centros que cederon o material de que dispuñan a centros sanitarios que carecían del e que neste final de curso tiveron que facer fronte á reposición co seu propio orzamento de todo ese material e adquirir outro adicional para a protección do persoal e alumnado, sen recibir ningunha compensación. En moitos casos houbo incidencias na reapertura das aulas pola pésima xestión da Consellaría, atrasando a data de incorporación en varios días por non contar con máscaras e outro material suficiente ou tendo que recorrer ao propio alumnado. Algúns dos centros que indican que non tiveron ese problema constatan que foi así “malia a Consellaría” ao se teren adiantado as direccións a comprar material, cuns elevados prezos de mercado.

Destaca a preocupación que trasladan moitos centros, logo desta breve e limitada experiencia polo que poida acontecer no curso 2020/21, xa que cumprimento dos protocolos foi efectivo porque era unha porcentaxe mínima de alumnado o que acudía ao centro, o que dispara as alarmas para cando a incorporación sexa masiva se non existe unha correcta planificación, de momento inexistente.

Ámbito laboral

A resposta maioritaria no relativo ao ámbito laboral é sobre incidencias de diferente índole, entre as que destacan, as relativas a ausencia de profesorado con dispensas (por concilia ou por saúde) e que supuxo a reorganización e sobre carga de horarios ou a impartición de materias afíns ou por parte doutros compañeiros do departamento, así como a non cobertura de prazas con profesorado substituto. En todo caso, o malestar principal expresado polo profesorado está no esforzo organizativo e da duplicidade de traballo para tan escasa presenza de alumnado.

Así, déronse casos de aulas con alta asistencia que aos poucos días quedaron case baleiras e con profesorado que, ao tempo que impartía as aulas presenciais, seguía atendendo telematicamente a alumnado da mesma aula, nunha constatación do que a CIG-Ensino denunciou na negociación das instrucións e protocolo de reincorporación.

Organización nos centros

As incidencias que trasladan os centros no relativo a organización educativa céntranse nas limitacións técnicas e con problemas derivados das conexións a internet, ben por problemas coas redes, ben cos equipos informáticos para atender reunións de avaliación ou mesmo a alumando que non participaba presencialmente. Neste sentido, chama a atención as limitacións dos propios servidores da Consellaría.

Hai tamén queixas polo papel dalgunha inspección, que pasou dun control case policial diario de asistencia de alumnado (cando esta tiña carácter voluntario) a desentenderse por completo días despois.

En todo caso, as preocupacións que traslada o profesorado, máis alá dalgúns problemas de xestión de horarios que mesmo puido retraer a presenza dalgún alumando ou da imposibilidade, como era previsto, de poder dar clase en streaming desde os centros, céntrase no curso próximo, agora xa coa referencia de como foi esta limitada incorporación e a mala planificación da Consellaría.

Neste sentido, desde a CIG-Ensino demandaron novamente o pasado día 23 de xuño, cando se coñeceron as “recomendacións” pactadas entre o Goberno español e as comunidades autónomas, a convocatoria urxente da mesa sectorial para unha negociación pormenorizada das condicións nas que se debe desenvolver o curso 2020/21, para o que xa a CIG-Ensino adiantou as liñas básicas nun documento feito público o 18 de xuño, centrado na redución de ratios, o incremento de profesorado e outras medidas de protección e hixiene que garantan a presencialidade sen poñer en risco a alumnado e persoal dos centros.