A CIG-Ensino cualifica de escandaloso que se anuncien avances no horario sen concretar ningunha mellora para o profesorado nin para o ensino público
De auténtico “escándalo” cualifica a CIG-Ensino o anuncio coñecido hoxe pola mañá nunha rolda de prensa convocada de urxencia a primeira hora pola Consellaría de Educación e os sindicatos asinantes do Acordo de Melloras. Na información oficial publicada pola Xunta de Galiza non se concreta ningunha medida, agás que se asina unha addenda para desvincular a negociación da recuperación horaria do profesorado de Secundaria da baixada ás 35 horas semanais para todo o persoal empregado público da Xunta.
Esta cuestión xa fora advertida como un obstáculo por parte da CIG no momento da sinatura, en outubro de 2023, ademais de ser absurda dado que o profesorado destas ensinanzas sempre tivo 18 horas con 37,5 horas semanais. “Con todo, o máis relevante deste anuncio é que o profesorado e o ensino público galego seguen sen ver melloras nin avances nas súas principais reclamacións que, ademais da recuperación horaria, teñen que ver coa redución das ratios cun calendario máis áxil ou máis medios para atender a diversidade. Se despois de dous anos e medio isto é todo o que teñen que anunciar a Xunta e os sindicatos asinantes demóstrase que ese acordo foi unha auténtica fraude ou fake”, explica Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.
Por outra banda, o sindicato maioritario pon en dúbida a legalidade deste anuncio, dado que “a comisión de seguimento do acordo é precisamente para facer seguimento do mesmo e non para negociar cuestións que son de Mesa Sectorial. Mediante esta estratexia non se está deixando fóra da negociación á CIG, que ten 8 membros de 15 na mesma, senón á representación maioritaria do profesorado polo que a nosa asesoría xurídica estudará se estes acordos teñen garantías xurídicas”, insistiu. Ademais, recorda que calquera redución horaria ten que ir da man do incremento do número de docentes para que non aconteza o mesmo que en infantil e primaria.
As mobilizacións, máis necesarias ca nunca
Aínda que totalmente insuficiente esta addenda, a CIG-Ensino valora que calquera movemento que se produce é polas mobilizacións de profesorado, familias e alumnado que se están a dar este curso, dado que en máis de dous anos non houbera ningún avance. “Hoxe convocan unha rolda de prensa ás 8 da mañá para as 11. Cal era a urxencia deste acto propagandístico para que na información oficial da Xunta non se concrete ningunha medida? O que está claro é que é moi necesario seguir presionando e que as mobilizacións e as protestas son máis necesarias ca nunca. A presión sindical, docente e social é cada vez maior”, apunta Arroxo.
Por último, a CIG-Ensino recorda que está pendente o trámite do Anteproxecto de Lei do Ministerio de Educación que fixa a recuperación das 18 horas semanais a partir do vindeiro curso, polo que “a Consellaría está xogando politicamente a ver se isto non sae adiante para aforrar implantar esta medida ou que sexa a custe cero para a administración galega”, sentenciou Arroxo.