A CIG-Ensino vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo para reclamar garantías de seguridade e saúde para persoal e alumnado do CEIP de Xeve, que leva desde setembro de 2025 sen poder consumir auga das billas.
O sindicato maioritario no ensino público galego presentou a denuncia ante a autoridade laboral debido á contaminación da auga das instalacións e reclama que se investigue a situación e que se adopten as medidas necesarias para garantir a seguridade e a saúde do persoal traballador e do alumnado do centro.
A central sindical reclama que se adopten medidas para rematar coa presenza de contaminantes na auga
O problema remóntase a setembro de 2025, cando se advertiu de que a auga das billas non era apta para o consumo debido á presenza de contaminantes, inicialmente atribuída a un exceso e manganeso. Desde entón, o centro non pode utilizar a auga para beber e o Concello de Pontevedra comezou a facilitar auga embotellada para o consumo.
Malia o tempo transcorrido, a situación continúa sen resolverse definitivamente. Durante estes meses trasladáronse reiteradamente as preocupacións e solicitudes de información ás administracións competentes, sen que, segundo a información dispoñíbel, se ofrecese unha resposta suficiente que permita coñecer con claridade o alcance do problema e as garantías existentes para a saúde das persoas.
A preocupación aumentou tras a publicación de informacións nos medios de comunicación sobre a proposta da Xunta de sancionar ao Concello e á empresa concesionaria do servizo de augas por incumprimentos dos límites legais de manganeso e radioactividade nas analíticas realizadas.
Ante esta situación, a CIG decidiu acudir á Inspección para que se investiguen as condicións nas que o persoal desenvolve a actividade e se determine a necesidade de adoptar medidas preventivas adicionais. “Solicitamos que se ordene a realización urxente dunha inspección e unha avaliación de riscos, que se esclareza a veracidade da informacións publicadas e que se apliquen de inmediato as medidas correctoras necesarias en materia de prevención de riscos laborais, xa que a saúde laboral debe estar garantida en todo momento e non é aceptábel prolongar unha situación de incerteza sen información suficiente nin solucións definitivas”, tal e como explica o secretario comarcal da CIG-Ensino Pontevedra, Xacobe Rodríguez Rivas.
O sindicato insta as administracións responsábeis a actuar con urxencia, coordinarse e ofrecer información clara tanto ao persoal traballador como á comunidade educativa. Ao tempo que sinala que a presenza de alumnado de Educación Infantil e Primaria fai aínda máis necesario establecer os feitos e garantir unhas condicións adecuadas para o desenvolvemento da actividade educativa. “Continuaremos reclamando que se adopten as medidas necesarias para resolver definitivamente un problema que se prolonga dende hai máis dun ano”, rematan.