A CIG-Administración reclama que se exclúa o colexio pontevedrés Juan Sebastián Elcano da rede de escolas católicas

Dende a central sindical lembran que se trata dun centro público financiado polo Ministerio de Defensa
Pontevedra - 24 Xan 2023

A federación de Administración da CIG vén de presentar diante do Ministerio de Defensa e da delegación de Defensa en Galiza unha solicitude para que se exclúa o centro educativo Juan Sebastián Elcano da rede de escolas católicas. Dende a central sindical lembran que se trata dun centro público financiado polo Estado e cuxo persoal docente é persoal laboral do Estado.

A CIG-Administración argumenta a súa reclamación sinalando que o colexio Juan Sebastián Elcano (até hai menos de dous anos coñecido co nome franquista de Salvador Moreno) é un centro educativo dependente do Ministerio de Defensa, tanto funcional como economicamente, que na parte docente ten persoal laboral do Estado, encadrado no IV Convenio Único para o persoal laboral do Estado. 

A CIG reclama que a súa xestión sexa transferida á Consellaría de Educación

Neste senso, detalla que o Ministerio de Defensa recibe a través dos orzamentos do Estado unha cantidade para o seu funcionamento. “A clasificación do centro educativo Juan Sebastián Elcano como centro público está regulada no artigo 108 da LOE, que define a clasificación dos centros educativos e que no seu punto 2 di que son centros públicos aqueles cuxo titular sexa unha Administración pública”.

Ademais, sostén que non se pode obviar que a propia LOE establece no seu artigo 115 a exclusividade para establecer o carácter propio do centro, unicamente aos centros privados. “Este centro educativo non pode estar nunha rede de centros de escola católicas ao ser considerado a todos os efectos un centro de ensinanza público”.

En consecuencia, dende a central sindical demandan que se exclúa o centro educativo Juan Sebastián Elcano da rede de centros de escolas católicas e que, subsidiariamente, se transfira a súa xestión á Consellaría de Educación da Xunta.